SanidadeÚltima hora

Nas Terras de Trives realizaranse 101 tests para o estudo epidemiolóxico do Covid-19 en Galicia

Nesta mañá empezaban a realizarse os tests no Centro de Saúde de San Xoán de Río. No caso de Valdeorras serán 861 as probas

 

Continúan a realizarse na provincia de Ourense os test da primeira onda do estudo epidemiolóxico, deseñado pola Xunta de Galicia, para coñecer a incidencia real na comunidade da pandemia de COVID-19. Esta mañá realizánbanse os primeiros test do mesmo no Centro de Saúde de San Xoán de Río, onde se realizarán 24 probas para esta investigación.

Ademais, nos outros concellos da comarca de Terras de Trives están previstos: 51 na Pobra de Trives, 17 en Manzaneda e 9 en Chandrexa de Queixa. En total recolléranse 101 mostras.

No caso da comarca de Valdeorras serán un total de 861 os test que se farán para este estudo: 139 na Rúa, 18 na Veiga, 34 en Carballeda de Valdeorras, 8 en Larouco, 444 no Barco, 27 no Bolo, 26 en Petín, 21 en Rubiá, 33 en Vilamartín.

Ademais en Viana do Bolo realizaranse 72 tests e en Vilamartín 10, segundo informa a Consellería de Sanidade.

No conxunto da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco serán 7.800 os test previstos. Por medio deste estudo epidemiolóxico, a Consellería de Sanidade persigue un triple obxectivo: “estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades, definir cal é a súa repercusión, dacordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da pandemia durante o período comprendido entre esta primeira onda e a segunda, que se realizará dentro dun mes”.

Para seleccionar aos participantes, o Sergas deseñou un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas, distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou unha mostra representativa por sexo e idade das diferentes comarcas do conxunto de Galicia.

A mostra realizarase mediante a participación do persoal de Atención Primaria de todos os centros de saúde desde os que o persoal de enfermería contactará telefónicamente cos participantes do seu cupo, para tras unha pequena enquisa telefónica, citalos para a realización da proba, e en función dos resultados, que se coñecen en 15 minutos, será os médicos os que lle comunicarán a cada paciente as instruccións a seguir en función dos resultados, que se recollen nun aplicativo específico para seu posterior análise.

A recollida das mostras consiste na realización dun test rápido para o que só e preciso unha pequena punción nun dedo, para obter unha pequena mostra de sangre que se introduce no dispositivo de test rápido que mediante un medio reactivo, indica se esa persoa tivo contacto co virus Sars -Cov2, que orixina a Covid-19, ou non.

Os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

A distribución da mostra por concellos pode consultarse aquí:

COVID-19. MOSTRA ALEATORIA ÁREA SANITARIA DE OURENSE

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button