ConcellosÚltima hora

Natureza, cultura e lecer para dinamizar o turismo en Barbadás

O Concello presenta un novo plan que inclúe un logo novidoso e  unha web que recolle toda a información turística do municipio
Xosé Manuel Fírvida e Luís Baños. 

O Concello de Barbadás renova a súa imaxe para dinamizar o turismo no municipio “e pór en valor o patrimonio natural e histórico”. Así o dixo o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Fírvida, esta mañá na presentación desta nova imaxe turística que leva como lema “Barbadás, quéreo víveo”. O edil asegurou que o que pretenden con este proxecto é “eliminar a imaxe de especulación urbanística do noso concello”.

O obxectivo primordial desta nova imaxe turística é facer de Barbadás un lugar atractivo, é dicir, dinamizar a vida municipal e converter o seu territorio nun lugar atractivo para os veciños e visitantes. Segundo dixo Fírvida, Barbadás é agora “sinónimo de natureza, deporte ao aire libre, simbiose entre o rural e o urbano, un espazo de lecer, de servizos, comercio e cultura e goce do tempo libre”.

O proxecto foi redactado e levado a cabo por Luís Baños. O técnico explicou que a iniciativa presenta “unha web interactiva na que se irán engadindo elementos de interese” como poden ser festas, eventos e demais actividades de interese. Por outra banda, esta interface presenta elementos de valor engadido como vídeos de lugares de interese “que se subirán ao longo do tempo para que animen á xente a coñecer Barbadás”, asegurou Baños. Con esta campaña Barbadás ponse ao día no eido da promoción a través da rede, xa que contan tamén cunha canle de Youtube e redes sociais. O técnico apuntou que esta web “está chea de datos, imaxes, información de contactos” e ao mesmo tempo ten un compendio de todo o patrimonio monumental, artístico e histórico de Barbadás. E incluso recolle os roteiros e sendeiros naturais a seguir “con información e xeolocalización en google maps para que a xente a poida descargar no seu smartphone”, informou Luís Baños.

Para os que queiran un merecido premio tras facer un roteiro ou unha andaina, esta web tamén proporciónalles información de lugares onde comer. Así como locais “onde poder facer un punto de encontro para tomar un café ou almorzar antes de saír a camiñar ao monte”, subliñou Luís Baños.

Pero o “2.0” non só está a través da web. O edil do BNG, Xosé Manuel Fírvida, presentou a nova sinalización vertical instalada nas principais entradas do concello “que están actualizadas co novo logo”, e tamén puxeron uns carteis “con datos do lugar ou monumento e información” e no que incorporan un código QR que dirixe directamente á entrada na web dese lugar, por se o visitante quere ampliar a información.

A todo isto súmase un folleto promocional cun resumo dos principais puntos de interese da vila, un plano e o calendario das principais festas. Estes pasquíns informativos estarán dispoñibles nos principais edificios municipais e na Oficina de Turismo de Ourense de xeito gratuíto.

Así, a través de todo este paquete, asegurou o edil nacionalista Xosé Manuel Fírvida,  farán que Barbadás sexa un lugar “onde vivimos e durmimos, mais tamén o espazo onde paseamos, gozamos da natureza o deporte, a cultura ou patrimonio”. Porque Barbadás, concluíu, “é un mirador cara a capital, un enclave ideal para percorrelo paseniñamente, mais tamén para vir de compras ou comer nalgún dos moitos e magníficos restaurantes que ofertan unha tentadora aposta gastronómica”.

Museo da gaita de fol

Outra das iniciativas que presentaron foi a creación do Museo da Gaita de Fol, que esperan abrir, informou o concelleiro nacionalista Xosé Manuel Fírvida, “a finais do mes de marzo ou en abril”. Este espazo cultural recollerá diferentes documentos que fan un percorrido pola historia do instrumento máis característico da música galega. Eses documentos, dixo Fírvida, “veñen incluso de Alemaña ou Centro Europa”.

Asemade, tamén haberá unha exposición de instrumentos, pero o principal obxectivo que ten o Concello de Barbadás é transformar este museo “nun espazo de interpretación, estudo e investigación da gaita”. En palabras do Concelleiro: “non se coñece un museo deste tipo en toda Galicia”.

Pero ademais da exposición, “na que se fala dos usos que facían da gaita as minorías cultas e o pobo”, haberá obradoiros instrumentais impartidos por un mestre ebanista, actividades para estudantes de Primaria, Secundaria e música.

Un dos elementos deste museo do que o edil amosouse máis orgulloso foi o mural do patio interior. “Queremos que este sexa un espazo vivo” e por iso fixeron un concurso de propostas para decorar ese mural en branco “que o pintou un rapaz que estudou na Escola de Artes de Ourense” e que presentarán máis adiante.

Este espazo ubicarase no antigo Museo da Música, ao carón do Concello, e tamén estará incluído na páxina web de turismo de Barbadás.

Artigos relacionados

Back to top button