Ourense

Natureza, deporte e cultura no campamento urbano Amencer, do 1 ao 11 de agosto

A actividade vai dirixida a nenos e mozos de 8 a 16 anos de idade
Iago Acevedo, Manuel Seguín, Rosendo Fernández e Adrián Rodríguez.
Iago Acevedo, Manuel Seguín, Rosendo Fernández e Adrián Rodríguez.

Agosto chega con novas propostas para gozar do verán en Ourense. Unha desas propostas é o campamento urbano Amencer, un clásico dos veráns ourensáns que ofrece todo tipo de actividades relacionadas coa natureza, o deporte e a cultura na provincia. Vai dirixido a nenos de 8 a 16 anos, que poderán participar de maneira libre e gratuita.

A presentación da iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación, que contou coa participación do vicepresidente do ente provincial, Rosendo Fernández, o coordinador da asociación Amencer, Manuel Seguín, e os coordinadores do campamento, Adrián Rodríguez e Iago Acevedo.

A 29 edición do campamento “mantén unha programación moi similar a anos anteriores, con diferentes actividades segundo a idade dos nenos participantes pero, que manteñen a mesma temática”, explicou Rodríguez. Están previstas visitas a instalacións onde se realizan diferentes expresións artísticas, e a celebración de actividades deportivas e vencelladas á natureza, con saídas a distintos concellos da provincia.

As actividades programadas pola tarde faranse nas instalacións da asociación Amencer e os maiores de 15 anos poderán gozar de noites musicais con xogos, concursos, andaina solidaria e saída ás termas.

O prazo para inscribirse manterase aberto até o último día do campamento, o 11 de agosto. Ata o momento xa avanzaron que hai máis de 300 inscritos e un cento de voluntarios.

Artigos relacionados

Back to top button