En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Neutralizados dez niños de Vespa velutina en Valdeorras

 

Este outono, tras a caída das follas das árbores, volver saí á luz numerosos niños de Vespa velutina en Valdeorras, algo que preocupa a apicultores e a veciños e que dá mostra do grao de expansión desta especie invasora na comarca.

Así, na mañá deste 10 de novembro, Seaga (encargada dos operativos do Plan de loita contra a Vespa velutina en Galicia) procedía a neutralizar un total de dez niños secundarios na comarca: 2 no municipio da Rúa, 3 no de Vilamartín e 5 no do Barco.

 

Persoal de Seaga colocando o aviso de niño de velutina inactivo na área recreativa do Salgueiral.

 

Un dos niños deste último municipio estaba situado na área recreativa do Salgueiral (xunto á pasarela que a conecta co Paseo do Malecón), nunha árbore a gran altura. Nestes casos son neutralizados co uso dun fusil especial que dispara insecticida aos niños.

O persoal de Seaga sinalizaba despois o niño como inactivo cunha pegatina, que recolle a data da visita e informa por SMS do estado dos avisos ás persoas que os comunicaron.

Se unha persoa detecta un niño de velutina é importante que dea aviso do mesmo a través do correo electrónico 012velutina@xunta.gal ou ben chamando ao 012 (a chamada non é gratuíta) para que se proceda á súa destrución.

Coa destrución dos niños pode romperse o ciclo vital do insecto, é dicir, evitar que as raíñas que conteñen poidan ser fecundadas e, tras hibernar, e crear novos niños na vindeira primavera que contribúan a unha maior expansión da velutina.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button