CulturaCulturaEntroido 2022Última hora

Nieves Amado amosa o Entroido “durminte” de Rebordechao (Serra de San Mamede) nas xornadas da Saga

Esta investigadora de Laza participaba na primeira das sesións deste foro, que continuará hoxe en Pontevedra co ponentes como Mónica Vázquez e Antonio Sousa, do Entroido de Sande

 

Ao longo de dous días, o 11 e o 12 de marzo, as X Xornadas sobre o Entroido de Galiza, analizarán en Pontevedra esta tradición coa participación de diferentes expertos. Este encontro, organizado pola Sociedade Antropolóxica Galega (Saga) co apoio do Concello de Pontevedra, iniciábase na tarde de onte no Convento de Santa Clara. “Volvemos á presencialidade”, destaca a secretaria da asociación, Ana Durán na apertura das xornadas, cuxa primeira intervención corría a cargo do investigador social vianés Carlos X. Ares Pérez, que presentaba o seu traballo “Apegotes, burros e trangalladas”, publicado nun dos cadernos da Saga.

Nel estes estudoso vianes aborda as mofas e escarnios que se repiten no ciclo anual galego, dende o 1 de xaneiro ata fin de ano, apoiándose no traballo de campo realizado “nas catro provincias galegas”. Están as bromas da primeira noite do ano, cunha referencia ao ritual do boneco de aninovo e ano vello de Bande, seguindo despois cos do Entroido, o momento no que se concentra un maior e máis variado número de manifestacións deste tipo, para logo continuar coas do San Xoán, Santos (relacionadas cos ritos funerarios), e tamén os ritos de comensalidade como magostos e matanzas, ata chear as bromas do 28 de decembro.

 

O investigador social vianés Carlos Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Deseguido, tomaba a palabra o presidente da Saga, Rafael Quintía, quen presentaba outro caderno da súa autoría sobre “O Entroido de Doade”, en cuxa recuperación se está a traballar. Quintía comezaba explicando que o Entroido que, malia que se vincula principalmente con Ourense, ata os anos 50 aproximadamente celebrábase no conxunto de Galicia, se ben a partir desa data só se conservou na provincia ourensá.

E unha mostra desas manifestacións que desapareceron, principalmente por mor da emigración, foi a do Entroido de Doade, na que afondaba na súa exposición. “Tiña as compoñentes esenciais dos Entroidos tradicionais” e cuxos personaxes principais, as Madamas, daban nome a toda a comitiva propia desta festa.

 

Rafael Quintía, presidente da Saga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A partir de aí, dábase paso ao primeiro relatorio das xornadas a cargo de dous represetantes do Periódico O SIL, que amosaban o labor xornalístico a prol do Entroido realizado dende a creación desta publicación en 1996 e que hoxe se materializa na edición anual da revista “Entroido en Galicia”.

Rebordechao: “o lugar de conexión entre Felos e Peliqueiros”

A segunda das ponencias, titulada “Rebordechao, un entroido durminte na Serra de San Mamede: o lugar de conexión entre Felos e Peliqueiros”, corría a cargo da investigadora e arqueóloga Nieves Amado Rolán. “A miña investigación sobre o Entroido empezou porque son de Laza”, comezaba dicindo, “só vivo este Entroido, pero interésame todo o relacionado con esta tradición”. De aí que, de xeito casual, descubrise unha antiga fotografía do Entroido de Rebordechao nun folleto, que a levou a indagar neste Entroido da Serra de San Mamede totalmente descoñecido para ela e que se celebraba “ao completo ata hai 10 anos. Digo que está durminte porque non é un Entroido desaparecido”.

 

A investigadora Nieves Amado, natural de Laza./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Amado Rolán resaltaba que se trata “dun tesouro entroideiro agachado en plena Serra de San Mamede. Un lugar de inflexión, de conexión, de transición, de encontro, de influencia entre os Felos da bisbarra de Maceda e os Peliqueiros da bisbarra de Laza. De entre dous Castros lle vén a influencia, o que os rebordegos chaman Castro d’arriba (Castro de Escuadro, Maceda) e Castro d’abaixo (Laza). Dous lugares equidistantes de Rebordechao onde alugaban os traxes indistintamente”.

Así mesmo explicaba que o esquema deste Entroido é “como o de Laza, ten os mesmos rituais”. E referíase aos seus principais elementos: os Peliqueiros, “como máscara identitaria”, a Morena e o Pastor, a Mula “pero sen formigas”, as Madamas, o Testamento (que podía ser dun burro ou doutro animal) e as Regueifas, “unha procesión que facían o Luns de Entroido na que se percorría a aldea cun carro tirado por mozos xunguidos”.

Nieves Amado confesaba a súa fascinación por este Entroido, “que vou seguir investigando” e que consdiera que “garda a esencia dun entroido rural, tal e como se celebraba hai máis de 100 anos no val do Támega.

 

Exterior do Convento de Santa Clara, en Pontevedra.

 

O Entroido de Sande, nos relatorios do 12 de marzo

As “X Xornadas sobre o Entroido de Galiza” continuarán este sábado no Convento de Santa Clara a partir das 18h. coa presentación do libro “Damas e ghaláns no entruido de Nergha” de Guillerme Ignacio Costa e co relatorio “Entroido de Sande: tras da máscara de arame e as plumas de ave” de Mónica Vázquez e Antonio Souso, que abordarán a figura das Bonitas de Sande (Cartelle) e o conxunto desta tradición nesta zona ourensá.

As xornadas completaranse coa ponencia “Mascaradas da Península Ibérica” de Óscar González.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Máis información:

https://osil.info/o-traballo-xornalistico-do-periodico-o-sil-nas-x-xornadas-de-entroido-en-galiza-en-pontevedra/

Artigos relacionados

Back to top button