EntrevistasÚltima hora

“No cancro de páncreas é necesario potenciar a investigación para optimizar os tratamentos da enfermidade e lograr un diagnóstico precoz en fases curables”

O adenocarcinoma de páncreas é dos tumores con peor prognóstico e supón a terceira causa de morte por cancro. “Hai espazo de mellora e aí a baza principal é a investigación”, di María Francisco, responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense

 

A doutora María Francisco.

Non é dos cancros máis frecuentes, pero a súa incidencia aumentou progresivamente nos últimos anos. O adenocarcinoma de páncreas é o oitavo tumor en frecuencia de diagnóstico en España, sen embargo está entre os que teñen peor prognóstico xa que “só o 5-7% dos pacientes sobrevive a el aos cinco anos do diagnóstico”, sinala a doutora María Francisco, responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense. Só pode curarse con cirurxía e “desgrazadamente menos dun 20% de pacientes diagnostícanse nunha fase da enfermidade que permita a abordaxe cirúrxica”, engade esta especialista. Por iso a investigación ten un papel clave para poder ganarlle terreo a este tumor. “Tendo en conta as previsións, a súa agresividade e diagnóstico tardío, é necesario potenciar a investigación neste campo co fin de optimizar os tratamentos da enfermidade e lograr un diagnóstico precoz en fases curables”, resalta a doutora Francisco.

Sen embargo, son escasas as becas oficiais que se dedican á investigación deste cancro, o que deu lugar ao proxecto “Carreira das cidades contra o cancro de páncreas”, que chegará por primeira vez a Galicia o 25 de novembro a través dunha andaina e carreira en Vilamartín. “Isto supón un gran impulso para a investigación neste terreo. Calquera cidadán que contribúa a esta carreira estará axudando a que o futuro da enfermidade sexa menos incerto e, dende logo, máis favorable. Por iso anímoos a que participen”, comenta a doutora Francisco.

¿Que características ten o cancro de páncreas?

Para falar del temos que saber ben que é o páncreas: unha glándula que temos detrás do estómago e por diante da espiña dorsal. Este órgano cumpre unha dobre función: endocrina (por exemplo, o control do azucre) e exocrina (dixirida á dixestión alimentaria). E, como en calquera outro órgano, un cancro no páncreas é un crecemento celular desordeado e descontrolado e aí xéranse as tumoracións. Temos, fundamentalmente, dous tipos de cancro de páncreas e con distintos prognósticos. Un 95% dos casos son adenocarcinoma de páncreas (pertence á parte exocrina) e en torno a un 5% son tumores neuroendocrinos de páncreas (na esfera endocrina). No páncreas hai tres partes fundamentais: cabeza, corpo e cola e, en función de onde asente o tumor, a evolución vai ser distinta e o momento de diagnosticalo vai ser tamén diferente. Cando o cancro está na cabeza pancreática por aí pasan unha serie de estruturas, tanto vasculares como biliares, que un tumor pequeno pode comprimir e dar síntomas antes. Pero é moi frecuente que cando non asenta xusto aí o tumor vaia crecendo e, cando dá síntomas, xa está moi avanzado.

¿Cales son os factores de risco?

Podemos ter unha base xenética, hai distintas síndromes que van conferir maior risco e ás que temos que estar atentos. Outro factor de risco é a idade, de feito a idade media da maior parte das persoas diagnosticadas con adenocarcinoma de páncreas está entre os 65-70 anos, sendo infrecuente en mozos, nos que, de diagnosticarse, debería descartarse a causa xenética. Hai outros factores de risco nos que si podemos influír e o máis claro é o tabaquismo. Igualmente o sobrepeso e a obesidade. Cun pouquiño máis de dúbida está a relación coa dieta, parece que unha dieta excesiva en carnes vermellas podería conferir un pouco máis de risco, mentres que unha rica en froitas e verduras sería protectora.

¿Que síntomas presentan os adenocarcinomas de páncreas?

Non hai ningún síntoma en estadíos iniciais totalmente definitorio ou que nos permita sospeitar que se trata deste cancro. Son síntomas vagos e imprecisos que están en moitas outras enfermidades de dixestivo banais ou benignas. Pero si ten unha característica importante que é que produce normalmente unha forte caquexia, é dicir, unha síndrome xeral moi marcada que é unha perda de peso involuntaria. O paciente non sabe por que, pero está perdendo peso e acaba perdendo tamén o apetito e isto, sumado a unha posible ictericia ou a unha dor epigástrica irradiada ás costas, pode levarnos a sospeitar e debemos facer un estudo dese paciente. O primeiro será unha ecografía abdominal, un TAC e unha ecoendoscopia, a proba que mellor ve tumores de menos de 2 cm no páncreas e coa que puncionamos o tumor para analizalo.

Se a sospeita se confirma e diagnosticamos este cancro nun paciente, podemos estar ante tres escenarios. O primeiro deles é un tumor localizado e operable, o que non chega ao 20% dos casos, e en adenocarcinoma de páncreas só a cirurxía é curativa, todos os demais tratamentos son para control de síntomas da enfermidade e para intentar ralentizala, pero nunca curala. Un segundo escenario é un tumor localmente avanzado e no que moitas veces podemos intentar dar tratamentos complementarios, por exemplo de quimioterapia, e intentar facer un rescate con cirurxía despois. É unha porcentaxe baixiña, pero que tamén existe. Finalmente, teríamos un estadío metastásico cando o cancro está no páncreas e fóra del. Aquí habería dous tipos de pacientes: os que por idade, morbilidade e estado xeral poden someterse a quimioterapia; e os que non van soportar esta terapia e, polo tanto, directamente terán que ir a uns coidados paliativos.

Á hora de diagnosticar este cancro e de establecer un tratamento é importantísimo traballar nun equipo multidisciplinar empezando por un médico de Atención Primaria que faga unha sospeita inicial, gastroenterólogos dedicados á área de páncreas, ecoendoscopistas, un anatomapatólogo, radiólogos e, segundo o estadío e o tratamento, cirurxanos, paliativos con oncólogo ou profesionais adicados aos coidados paliativos.

¿Que datos de adenocarcinoma de páncreas se manexan na provincia?

Os datos que recollimos nun estudo no 2014 cifraban o diagnóstico de novos casos do CHUO en 50 (excluídos os hospitais comarcais), sendo a idade media dos nosos pacientes de 77 anos e polo tanto maior á nacional, europea e americana descritas. No noso caso a relación home/muller foi de 1/1,06 e o estadío avanzado con metástase ao diagnóstico deuse en arredor do 62% dos pacientes.

Texto: A.R.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil na edición de novembro.
https://osil.info/vilamartin-acollera-o-25-de-novembro-a-primeira-carreira-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas-de-galicia/

Artigos relacionados

Back to top button