SanidadeÚltima hora

No Hospital de Valdeorras lévanse administrado 42.996 vacinas contra o Covid

Expourense pecha como punto de vacinación, pero este labor continuará nos tres hospitais públicos da provincia

 

Xusto un ano despois da declaración da pandemia, o 13 de marzo deste ano, Expourense estreábase como punto de vacinación masiva co grupo de idade de 60 a 65 anos. Seis meses e 257.550 vacinas despois, o 51,2% de todas as administradas na provincia, Expourense despídese dos equipos de vacinación, que hoxe renderon homenaxe aos colectivos que coa súa colaboración fixeron posible un engranaxe perfecto.

Este sábado, día 25 de setembro, foi o derradeiro día de vacinación en Expourense, pero hoxe de novo reuníronse moitos dos que pasaron polo recinto feiral nestas intensas xornadas, para facerse unha foto de familia xunto co persoal deste recinto feiral e algúns dos membros de protección civil e cruz vermella, como parte indispensable da organización.

 

Equipo de vacinación en Expourense.

 

A vacinación fronte ao Covid19 entra agora noutra fase, que terá como punto de referencia aos tres hospitais públicos de Ourense (os de Ourense, Verín e Valdeorras), nos que se continua a vacinar coa terceira dose, de reforzo ou recordo, aos pacientes inmunodeprimidos e, ata mañá xoves 30 de setembro, aos rezagados dos distintos grupos de idade, aínda por vacinar ou completar a pauta.

Neste intenso período de traballo desde que o Servizo Galego de Saúde tivo disposición da vacina -o 29 de decembro de 2020- 258.113 ourensans e ourensás están protexidos fronte a covid19 coa pauta vacinal completa, é dicir preto do 90%,

Vacinación en Atención Primaria

Nos centros de atención primaria, que pronto voltarán a ser os referentes na vacinación, recibiron as súas doses, 62.456 ourensáns, entre os que se inclúen a aqueles que, por problemas de mobilidade ou desprazamento, foron vacinados nas súas casas.

A campaña de vacinación contou, nos puntos de vacinación masiva, con equipos especiais de vacinación, formados por enfermeiras e enfermeiros de Atención Primaria, que tamén fixeron fronte á vacinación do máis dun centenar de residencias sociosanitarias da provincia, ademais do persoal dos centros de atención primaria e dos tres hospitais provinciais.

Xunto á enfermería, cabeza visible deste proceso, numerosos profesionais da Área estiveron no engranaxe da organización, que se foi complementando en distintas etapas con outros servizos para a poboación, como cribado in situ, no chamado Vaci-Crib; coa expedición dos certificados de vacinación, ou coa activación da chave 365, que permite acceder aos distintos servizos dixitais que oferta o Sergas, desde o e-saúde ata a exitosa App telefónica SergasMóbil.

O fixeron posible centos de profesionais do Sergas de distintos servizos: Loxística, Cociña e persoal de Recursos Económicos, indispensables desde para dispoñer de mesas, cadeiras ou material sanitario, á comida ou café para o persoal desprazado en Expourense ou no Paco Paz; Celadores encargados de orientar e organizar os accesos; de Sistemas da Información, instalando, cableando e facendo operativos os ordenadores e seus sistemas de cita ou rexistro de vacinas; de Admisión, coa xestión das citas e atendendo todo tipo de necesidades in situ, por parte do seu persoal médico e administrativo; e de Atención Primaria, sempre en apoio, cubrindo as necesidades de persoal médico ou de enfermería e agora mesmo tamén na procura activa de persoas sen vacinar.

128.462 vacinas nos tres hospitais públicos da provincia

Nas residencias sociosanitarias, que estes días voltan a recibir a visita dos equipos de vacinación, administráronse 21.380 doses, entre as que se inclúen as preto de seismil terceiras doses que se aconsellan e se están distribuindo entre este colectivo.

Pola súa parte, os hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras administraron ao longo destes meses 128.462 doses da vacina a distintos colectivos, desde os profesionais sanitarios e de primeira liña, como forzas e corpos de seguridade, a bombeiros, persoal dos centros educativos, garderías etc. Ademais dunha parte dos maiores de 65 anos e, no caso de Verín e Valdeorras, tamén os colectivos etarios des dos 65 aos 12 anos, que en Ourense foron convocados a Expourense ou ao Paco Paz.

En concreto, no Hospital Público de Valdeorras administráronse 42.996 vacinas, no de Verín 37.008 e no Paco Paz, nos dous curtos períodos de tempo no a vacinación masiva se trasladou alí, 32.991, segundo infomra Sanidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button