EconomíaEconomíaÚltima hora

No que vai de 2018 retiráronse 105 niños de velutina na provincia de Ourense

Nunha xuntanza celebrada en Santiago, a Fegamp, as Deputacións e a Xunta acordaron buscar sinerxias na loita contra esta especie invasora
Exemplar de vespa velutina./ Foto cedida.

A loita contra a avespa velutina foi o motivo da reunión celebrada o 23 de maio na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en Santiago, coa presenza de membros das catro deputacións provinciais galegas, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, xunto co vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás.

Na reunión ofrecéronse datos sobre o número de niños retirados ou inactivados que no que vai de ano 2018 xa son un total de 1.422 niños: 826 na provincia da Coruña, 437 na de Pontevedra, 105 na de Ourense e 54 na de Lugo.

“O aumento de niños ten crecido de forma exponencial nos últimos anos pasando de 2 niños retirados no ano 2012, aos 769 no 2014, ata chegar aos 23.791 do 2017. O número avisos relacionados con avespa velutina tamén se ten incrementado nos últimos anos pasando de 2.273 avisos en 2014, a 43.663 avisos en 2017”, segundo a información feita pública pola Fegamp. Por este motivo, engaden, “recoméndase a progresiva normalización da situación xa que a experiencia noutras comunidades autónomas di que é moi complicado, por non dicir imposible, rematar coa avespa asiática”.

 

Imaxe da reunión na Fegamp.

 

Ademais no encontro abordáronse liñas para coordinar cos concellos e coas deputacións o traballo a facer e unir sinerxías de cara a optimizar o uso de recursos e compartir os coñecementos adquiridos polas distintas unidades que actúan para frear a Vespa velutina. Outra cuestión que se puxo enriba da mesa que foi a elaboración dun protocolo de actuación en canto a trampeo e púxose o acento en non optar polo trampeo masivo.

Na cita chegouse ao acordo de que os representantes das deputacións incorporaranse a partir de agora á Comisión de Seguimento da Vespa velutina, e de que todas as administracións compartirán os resultados das liñas de investigación abertas coas distintas universidades para unir coñecementos sobre o insecto e mellorar na loita contra el. Aínda que a maior parte dos avisos sobre velutina se fan a través do teléfono de emerxencias, existe unha aplicación para móbil na que os usuarios poden rexistran onde se atopan os niños mcreando un mapa xeral dos mesmos que permite ir controlando os niños existentes e proceder a retiradas máis efectivas dos mesmos. Os asistentes pediron motivar á cidadanía no uso desta ferramenta.

Artigos relacionados

Back to top button