Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Noa Presas: “A base do helicóptero contraincendios de Vilanova segue pechada e non empezaron as obras”

Esta deputada galega do BNG vén de presentar na Delegación da Xunta en Ourense un escrito pedindo un reforzo na provincia “tanto de medios humanos como de medios materiais contra os lume e comezar xa por esa reforma e apertura urxente da base” barquense

Acompañada por representantes do BNG de Valdeorras, a deputada nacionalista no Parlamento galego Noa Presas comparecía no mediodía do 16 de agosto ante os medios de comunicación na cidade de Ourense nunha “acción simbólica para denunciar a absoluta inacción da Xunta de Galiza, que durante este último ano non ten feito absolutamente nada para transformar e reformar a política antiincendios, algo que afecta ademais dunha forma moi específica a Ourense porque é historicamente o territorio que máis veces arde e no que máis superficie ten ardido”. E neste senso citaba o dato máis recente, as hectáreas queimadas na vaga de lumes do 2018. “De case 61.000 ha que arderon no noso país, máis de 30.000 foron precisamente de Ourense”, destacaba a deputada.

Ademais insistía nunha denuncia moi especial, “que levamos meses reivindicando, algo sobre o que temos acordos unánimes tanto no Parlamento galego como na propia Deputación de Ourense, como en varios concellos. A día de hoxe, en pleno 16 de agosto, pasado o ecuador xa da tempada de alto risco de incendios a base de helicópteros contraincendios de Vilanova (O Barco de Valdeorras) segue pechada e esas obras de acondicionamento que o PP prometeu en xuño que ían estar neste verán, nin sequera teñen comezado. Temos estado alí in situ e hoxe vimos a rexistrar un escrito na Xunta nun novo intento de que a Administración galega faga algo. Tamén rexistraremos escritos nos concellos da comarca de Valdeorras porque isto parécenos absolutamente inadmisible”.

Noa Presas cualificaba de estratéxica esta base para Valdeorras e tamén para a toda a provincia “a nivel de rapidez na extinción dos incendios, a nivel de estar ben dotados e, dende o BNG pensamos que é un símbolo dalgo moito máis global, de que non está a haber un reforzo específico como o que precisaría Ourense para estar preparados. Por iso apelamos á Xunta de Galiza non só a que reabra canto antes esta base e a faga operativa, senón a que tamén introduza un reforzo de recursos materiais e humanos. E facemos tamén un especial chamamento a que o faga en colaboración cos concellos”. Neste senso, Presas lembraba que o Concello da Rúa aínda non recibiu a motobomba solicitada e “comprometida no Parlamento”.

No texto presentado polo BNG pídese así mesmo a recuperación das “brigadas móbiles que no seu día percorrían o noso territorio e supoñan un mecanismo moi importante de atención temperá e tamén de primeira extinción”.

Artigos relacionados

Back to top button