PolíticaÚltima hora

Noa Presas aposta por axudas directas ao sector do viño para superar a crise do Covid-19

A cabeza de lista por Ourense do BNG vén de reunirse con membros do sector vitivinícola valdeorrés

 

Ata O Barco desprazábase na tarde do 10 de xuño a candidata do BNG por Ourense ás eleccións galegas, Noa Presas, para reunirse co sector vitivinícola da comarca co fin de escoitar as súas problemáticas. Este é o terceiro encontro deste tipo que mantén co sector, tras xuntarse coa Asociación Galega de Viticultura e con representantes da D.O. Ribeira Sacra e da D.O. Ribeiro, se ben a de Valdeorras é a primeira que se realiza de forma presencial.

Entre os asistentes ao encontro, celebrado no salón de actos do edificio multiusos barquense, estaban os presidentes do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, e o da Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; así como outros integrantes do sector como enólogos. Tamén asistían diversos representantes do BNG en Valdeorras. Na xuntanza expoñíanse as demandas e os problemas que está tendo o sector a día de hoxe coa crise da COVID-19.

Neste senso, Presas amosaba a súa aposta por impulsar axudas directas para superar o impacto do coronavirus e pola innovación atendendo ás necesidades derivadas do cambio climático. O BNG adiantou que defenderá o fomento dos contratos homologados, así como o apoio aos investimentos nos procesos de industrialización e comercialización dos produtos do sector.

Na xuntanza tamén se valoraba medidas de curto e medio prazo co obxectivo de impulsar e fortalecer ao sector do viño e “convertelo en prioritario” na acción de goberno a partir do 12 de xullo. “É necesario que a Xunta de Galiza arbitre de forma inmediata axudas directas para superar o impacto do coronavirus e liñas de crédito a xuro cero para que as empresas e produtores poidan ter liquidez”, indicaba candidata do BNG.

 

 

Ademais Noa Presas incidía en que “a partir do 12 de xullo é necesario un cambio político que dea un novo impulso a todo Valdeorras e ao sector vitivinícola. É a hora de deixar atrás problemas estruturais como a falta de medidas para a reestruturación do viñedo ou para a incorporación de novas produtoras”. A candidata nacionlista tamén considera “vital” un plan de promoción de novas incorporacións e que a Xunta negocie co goberno central a revisión dos criterios de dereitos de plantación para corrixir as deficiencias actuais.

Nos Presas resaltou a importancia do apoio aos investimentos no proceso de industrialización e comercialización “especialmente para as pequenas adegas e a súa internacionalización”. Así mesmo, prometeu impulsar a partir do 12X, dentro do Banco de Terras, medidas específicas “que fomenten o arrendamento a longo prazo de superficies para o cultivo de vide e disparar o potencial de Valdeorras”.

 

 

“Non permitiremos este abandono de Valdeorras”

“Precisamos este cambio político este 12X no que o BNG sexa determinante porque somos a garantía dun goberno que defenda Valdeorras, que defenda o viño e que estea vixiante nun momento de cambios diante da inminente reforma da OCM do viño no ámbito europeo”, insistiu a candidata, Noa Presas. Recalcou que Ourense e a comarca de Valdeorras non se poden permitir outros once anos de goberno de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza “como aconteceu coa crise do pedrazo”.

Co BNG no goberno, “non permitiremos este abandono e garantiremos que partes do país coma esta teñan o desenvolvemento que se precisa”, resaltaba Presas, que anunciaba que o BNG continuará mantendo encontros co sector. O vindeiro será na D.O. Monterrei.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button