Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Noa Presas avoga por unha “tarifa eléctrica galega” na Rúa

A deputada nacionalista participaba o 20 de decembro nun acto da campaña que promove o BNG contra “o tarifazo da luz”, xunto a tenente de alcalde María González e o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas

“Non é normal, lóxico nin xusto o que está pasando no 2018. Levamos varios meses de incremento no recibo luz. O propio sistema e a política empéñanse en darnos a idea de que isto é algo moi complexo pero todo ten unha orixe: unha decisión política. Por exemplo, o IVE e como se configura o prezo da electricidade son decisións políticas e pódense cambiar. A política está para mellorar a vida dos cidadáns”. Deste xeito iniciaba a deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego, Noa Presas, a súa intervención nun acto público celebrado na tarde do 20 de decembro na Rúa no marco da campaña “Paréceche normal?”, que a formación nacionalista está a desenvolver por toda Galicia contra o “tarifazo da luz”.

Noa Presas comentaba que con esta campaña preténdese socializar a cuestión “da tarifa elétrica galega” e “amosar as propostas nas que estamos a traballar dende o BNG neste tema”. Nese aspecto plantexaba que o BNG defende “unha rebaixa do IVE, que está no 21%, para mellorar a vida das familias porque a fiscalidade da luz é absolutamente delirante. Entendemos que debería ser un servizo básico e garantido para todo o mundo. Por iso queremos abrir o debate de baixar o tipo”.

Ademais esta formación política avoga por “non asumir os suplementos territoriais e por unha tarifa eléctrica galega, que atenda os verdadeiros custos da produción e para que a factura da luz sexa máis barata que a actual”. Neste senso o BNG está a realizar unha recollida de sinaturas de apoio a estas reivindicacións que se lles presentarán á Xunta e á Delegación do Goberno en Galicia.

Noa Presas era a terceira en tomar a palabra nesta charla-coloquio, tras a tenente de alcalde ruesa María Albert e o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, quen afondaba no sistema eléctrico, nos custos e impostos da electricidade en España, aportando datos desglosados por comunidades autónomas e mesmo contextualizándoo a nivel europeo. “Es España temos o imposto sobre a enerxía eléctrica máis caro de toda Europa, pagamos un 21% de IVE máis un imposto especial de electricidade dun 5,11%”, sinalaba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button