PolíticaÚltima hora

Noa Presas (BNG) pedirá o mantemento da venda de billetes de tren na Rúa e no Barco como un servizo “integramente público”

Desde o BNG “entendemos que este é un novo agravio en materia de servizos ferroviarios cara as e os ourensás”, di a deputada que presentará no Parlamento galego varias iniciativas sobre este tema
A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, na Cámara galega.

Tras coñecer a denuncia do sindicato CGT sobre a licitación do servizo de venda presencial de billetes na Rúa-Petín e no Barco de Valdeorras, dende o grupo parlamentario do BNG anúnciase que se presentarán iniciativas parlamentarias para “demandar que se manteña o servizo como exclusivamente público”.

Así a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, sinala que “vimos de coñecer que Adif vén de sacar a licitación do servizo de venda presencial de billetes na Rúa-Petín e no Barco de Valdeorras e desde o BNG entendemos que este é un novo agravio en materia de servizos ferroviarios cara as e os ourensás, a privatización da venda de billetes suporá un chanzo máis na política de recortes e redución de servizos, perdéndose o seu carácter público e sen garantías canto ao mantemento de postos de traballo atención de calidade para as persoas usuarias e non o imos permitir”.

Noa Presas lembraba como, “primeiro, en febreiro do ano pasado vimos como anunciaban que se eliminaba o servizo de información e atención ao público e a venda presencial de billetes en estacións como O Barco de Valdeorras ou A Rúa e agora vemos como hai unha nova ofensiva privatizando o servizo sen xustificación”.

A deputada nacionalista engadía que “o ano pasado Ourense, que era a principal afectada pola ameaza de peches de servizo nas estacións, deu unha lección de dignidade con mobilizacións a pé de rúa e conseguiu que se mantivera o servizo. Agora debemos facer o propio para impedir esta privatización e presentaremos iniciativas para evitalo xa que non ten xustificación algunha e cómpre conservar o servizo como público”.

Artigos relacionados

Back to top button