Hai apenas un mes, o 3 de xaneiro, Noa Presas, deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego, participaba na concentración convocada pola Asociación Bico Doce de Apoio á Lactancia Materna e Crianza Respectuosa de Viana do Bolo para pedir “un servizo de pediatría de calidade” neste municipio.
Presas recollía esa demanda e na mañá do 31 de xaneiro levábaa ao Parlamento galego. Así reclamaba incrementar as horas de servizo de pediatría nesta localidade, “que ten unha poboación asistencial de case 300 nenos e nenas, 205 só neste municipio, pero que tamén atende ás localidades de A Veiga e Vilariño de Conso”.
En concreto, o BNG recolle a petición da veciñanza e do propio Concello para incrementar un día máis o servizo de pediatría, que agora se limita a un día a semana. “É inhumano que unha nai cunha urxencia teña que coller o coche e desprazarse máis de 30 quilómetros ata Viana de Bolo”, alegou Presas no debate da iniciativa nacionalista que foi desestimada polo PP, “pese a que se trata dunha petición máis que razoable e que non require un gran investimento”.
A deputada do BNG considera que o goberno galego “deixarse de comisións de expertos en demografía e, se quere realmente apoiar a natalidade, a mellor maneira é poñendo servizos públicos a disposición das familias, en particular daquelas que apostan por desenvolver o seu proxecto vital no rural”.
Ademais Noa Presas anunciaba que o BNG seguirá reclamando mellorar o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Viana do Bolo, “porque supón un beneficio concreto para centos de familias”, e acusaba ao PP de “persistir nos recortes en prestacións básicas como a sanidade”.