PolíticaÚltima hora

Noa Presas considera “unha neglixencia” que non comezaran as obras na base de Vilanova

Visitaba por segunda vez en apenas 15 días a base do helicóptero contraincendios desta localidade barquense

Ata a base de helicóptero contraincendios de Vilanova (O Barco) desprazábase novamente a deputada nacionalista no Parlamento galego Noa Presas no mediodía do 1 de agosto. É a segunda visita que fai en pouco máis de quince días para constatar que as obras previstas para este verán pola Xunta de Galicia nestas instalacións, tras un acordo parlamentario, aínda non comezaron. Para a deputada este feito supón “un exercicio de neglixencia e de irresponsabilidade por parte da Xunta”.

Presas considera esta situación “unha tomadura de pelo e instamos á Xunta de Galiza a que se deixe de demagoxia e a que se poña, dunha vez por todas, a facer os deberes, porque imos tarde”. Tamén destacaba a importancia de ter en funcionamento esta base xa que “é fundamental ter os medios aéreos dispoñibles en distancias lóxicas, próximas e que permitan unha atención temperá.

Para Presas “minte a Xunta e minten os seus deputados ao tildarnos de alarmistas cando estamos a ter a responsabilidade que a eles lles falta ao demandar algo tan importante para a zona de Valdeorras e o Macizo”.

A parlamentaria do BNG asegura que, se nunha semana non comezan as obras na base barquense, “barallaremos, como temos dito, outras medidas mobilizadoras ou de facer mesmo presión acudindo aos despachos dos responsables da Xunta porque isto parécenos unha situación absolutamente denigrante”.

Nesta nova visita a Valdeorras, Presas lembraba que tampouco se cumpriu o acordo parlamentario impulsado polo BNG de entregar unha motobomba ao Concello da Rúa. “Aínda non foi entregada, nin informada a data de entrega desa motobomba”.

Artigos relacionados

Back to top button