PolíticaÚltima hora

Noa Presas critica “o recorte de servizos ferroviarios” en Valdeorras anunciado polo goberno central

Considera "inaceptábel e un insulto que se veña anunciar a supresión do tren-hotel que conecta cidades como Vigo e A Coruña con Madrid ou Barcelona”

Nos Presas con concelleiros do BNG en Valdeorras durante a campaña en defensa do ferrocarril realizada hai uns meses na comarca.

 

Ante o anuncio do goberno central da supresión do tren-hotel que conecta cidades como Vigo e A Coruña con Madrid ou Barcelona, Noa Presas, cabeza de lista por Ourense do BNG ás eleccións galegas, vén de asegurar que “non poden empregar a coartada do coronavirus para recortar o dereito das veciñas e veciños. É inaceptábel e un insulto que se veña anunciar a supresión dese tren-hotel”.

Presas destaca tamén que esta liña “era empregada polos veciños de Valdeorras para comunicarse co resto da provincia de Ourense e o co resto do país. A Rúa e o Barco de Valdeorras empregan moito esta liña para suplir a ausencia dunha conexión do interior adecuada”.

Ademais Noa Presas lembra que non era a primeira vez que o goberno do Estado anuncia o desmantelamento dos servizos ferroviarios en Galiza porque xa no mes de outubro o BNG fíxose eco das denuncias feitas pola cidadanía: Renfe pretendía rebaixar a calidade dos tren-hoteis substituíndoos por talgos máis vellos, o cal engadiría “máis atrasos e deficiencias aos traxectos que chegan sistematicamente con demoras e con inconvintes para os pasaxeiros”.

Para a candidata nacionalista “isto é un anuncio máis nun territorio que xa sofre pola ausencia dun tren galego de proximidade”. Tamén lembrou que a formación nacionalista levou a cabo, no mes de febreiro, a campaña comarcal e provincial en Ourense “Tren digno para o interior” para promover o aumento dos servizos ferroviarios.

Esta campaña foi levada ao Parlamento de Galicia pola agora candidata Noa Presas; nos concellos da comarca de Valdeorras polos concelleiros e mesmo debatida no Congreso dos deputados.

 

Artigos relacionados

Back to top button