PolíticaÚltima hora

Noa Presas cualifica de “agravio comparativo” o prezo do Avant Santiago-Ourense

Os nacionalistas presentarán a vindeira semana unha moción no Parlamento de Galicia para que se rebaixe o 30% o prezo do billete e que aumenten as frecuencias do tren rexional
Noa Presas. // Foto: Carlos Asensio.

O Bloque Nacionalista Galego vai presentar no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia, que se celebrará a próxima semana, unha moción para amosar a súa desconformidade “por este agravio comparativo” a Ourense polo prezo do tren, dixo Noa Presas hoxe, 30 de xaneiro, en rolda de prensa.

Concretamente, a deputada nacionalista pola provincia aseverou que “non é xusto” que calquera ourensán teña que pagar “até o 60% máis” por un billete de tren “fronte ao que ten que asumir calquera veciño do Eixo Atlántico” polo mesmo servizo.

Presas reiterou que esta “discriminación” non se pode consentir e remarcou que este agravio comparativo “súmase aos agravios históricos que hai nesta cidade, froito dos Orzamentos Xerais do Estado”.

Por este motivo, Noa Presas reivindicou que “xa é hora de que a Xunta deixe o seu inmobilismo político” e reclamou que “pense que esta demanda ten que ser unha prioridade para o país”.

Hai que lembrar que os nacionalistas manteñen unha liña a seguir este ano na que se van a centrar nos transportes e nas comunicacións na provincia. Así o presentou a propia Noa Presas o pasado 11 de xaneiro. Naquel momento xa anunciara que o BNG ía reclamar esa redución do 30% no billete da liña Avant Ourense-Santiago- A Coruña. Así como a reformulación dos termos e condicións dos bonos de transporte Abono Tarxeta Plus, Tarxeta Plus 10 Estudantes, para aumentar o período de uso que rexe a partir da data da primeira formalización da reserva “de xeito que se poida empregar en máis tempo”. Finalmente, na moción que presentarán na vindeira semana, reclamarán a ampliación da frecuencia horaria da liña rexional Ourense-Santiago para mellorar a mobilidade entre as poboacións intermedias, “para que poboacións como O Irixo ou o Carballiño se poidan beneficiar”, aseverou.

Presas recalcou que espera que van chegar a un acordo, porque “vistos os beneficios de Renfe” e que este é un servizo “tan necesario” e que é considerado “de obriga pública” e que polo tanto o Estado achega “900 millóns para a súa conservación”, dixo, o seu prezo e o seu custo ten que estar homoxeneizado e aplicarse esa rebaixa do 30 por cento.

A deputada avalou as súas verbas tirando de índices económicos: “Somos a capital co nivel de renda e as pensións máis baixas do Estado e co nivel de pensionistas máis alto”. Por este motivo, este tipo de políticas serían, para o BNG, “un bo estímulo”.

Orzamentos do Estado

Proximamente debateranse os Orzamentos do Estado para este 2018 no Congreso dos Deputados e, aproveitando a ocasión, Noa Presas manifestou que dende a súa agrupación teñen remarcado como estes orzamentos “se esquecen” de Ourense e adiantou que o BNG incluirá tamén, no vindeiro pleno, unha “interpelación á Xunta de Galicia” que virá a responder ao Conselleiro de Facenda ou a de Infraestruturas para que “renda contas sobre o seu grao de esixencia con respecto aos Orzamentos do Estado”. A nacionalista explicou que farán esa interpelación para todo o país pero que “a provincia terá especial importancia” porque é “unha das principais damnificadas do abandono constante dos Orzamentos”.

Neste sentido, os nacionalistas consideran que a cuestión do ferrocarril ten que tomar un “papel protagonista” no debate parlamentar e que por iso “agardamos que esta proposta teña o apoio de todos os partidos”, dixo Noa Presas, que instou ao Goberno galego que deixe de actuar como “delegado de De la Serna -Ministro de Fomento -“.

Para concluír, Noa Presas aportou un dato de referencia: “Durante o primeiro semestre do 2017, partidas tan importantes como esta de Fomento, executáronse nun 16%”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button