PolíticaÚltima hora

Noa Presas, deputada do BNG, na concentración en defensa dun mellor servizo de pediatría en Viana

Esta é a cuarta ocasión na que a Asociación Bico Doce convoca un acto deste tipo no exterior do Centro de Saúde vianés

Recén estreado o 2017 a Asociación Bico Dice de Apoio á Lactancia Materna e Crianza Respectuosa de Viana volvía a convocar unha concentración no exterior do Centro de Saúde de Viana do Bolo para pedir “un servizo de pediatría de calidade” neste municipio. Desta volta sumábase a ela a deputada autonómica ourensá do BNG, Noa Presas.

A parlamentaria nacionalista criticaba o “progresivo desmantelamento da sanidade pública do noso país” e referíndose en concreto a Viana apuntaba que “non se entende que a Xunta dea a calada por resposta e levaremos este problema e outros da área sanitaria de Valdeorras tamén ao Parlamento. Non se pode permitir que a Xunta contribúa por acción e omisión á falta de atención das necesidades básicas da poboación, desincentivando a natalidade onde, malia todas as dificultades, está medrando”.

Ademais, adiantaba que nas emendas parciais aos orzamentos galegos o BNG esixirá unha partida específica para a mellora dos servizos nos hospitais de Verín e Valdeorras e as súas áreas sanitarias, xa que a xuízo desta formación política “o investimento unicamente no Plan Director do CHUO é totalmente insuficiente e marxina o resto da provincia”.

Dende esta asociación demandan que se amplíen “os días de servizo e que se cubran as vacacións e permisos e solicitamos un servizo de matrona”. Bico Doce fixera públicas as súas demandas en setembro pasado e ante elas a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense anunciaba que se ía estudar a actividade e demanda da Unidade de Pediatría do Centro de Saúde de Viana do Bolo.

Tras a concentración desta mañá, a presidenta de Bico Doce, Marián Salgado, sinalaba que a maiores da situación habitual deste servizo na vila, “onde só hai asistencia un día á semana, nestas datas de Nadal, a situación agravouse xa que quedaron sen servizo de pediatría desde o 20 de decembro até o 10 de Xaneiro, estando en época alta de virus e demáis enfermidades invernais”.

Desde a asociación tamén sinalaban que non recibiron contestación algunha por parte do Sergas, “estando o caso en mans da Valedora do Pobo, pero sin solución algunha polo momento”. E anuncian unha nova concentración o martes 7 de febreiro.

 

Fotos: Suso Vilasánchez.

Artigos relacionados

Back to top button