Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

Noa Presas e Ana Pontón, de visita electoral na Rúa

A candidata ourensá ao Congreso asegurou que este concello “é un exemplo de como o BNG, cando ten oportunidade, inclina a balanza cara unha Galiza de futuro”

“É fundamental un cambio no modelo de financiamento que está recibindo a Comunidade Autónoma Galega, e nós reclamamos que o diñeiro que cotizamos os galegos e galegas cos nosos impostos, sexa distribuído dende aquí, dende as Institucións que teñen a responsabilidade directa sobre que facer cun servizo tan básico como e a sanidade e os servizos sociais básicos que principalmente descansan sobre Concellos e Xunta”. Así de rotunda se amosaba a candidata do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, trala visita ao Centro de Saúde da Rúa.

Acompañada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e pola alcaldesa da Rúa María G. Albert, Presas achegábase ata a localidade valdeorresa na mañá do 21 de xuño, no contexto da campaña electoral, poñendo á Rúa como “un exemplo de que se o BNG está e ten a oportunidade, pode facer un cambio político cara a esquerda, e que cumpre a súa palabra e asume a responsabilidade que lle outorgan os electores. Que fai un xiro das políticas nesta vila en concreto, que poderiamos facer en calquera outra institución para o ben dos veciños e veciñas”.

Diante da Casa da Cultura da Rúa, a candidata nacionalista asegurou que nas propostas das demais candidaturas que se presentan pola provincia de Ourense ás eleccions estatais “non vimos en absoluto propostas concretas, pensadas para Ourense e para Galiza e iso é así porque non lles interesamos, porque están destinados a ser só brazos de madeira no Congreso do Estado”. Para facer fronte a iso dende o BNG queren “inclinar a balanza, nun contexto sen maiorías absolutas, ata un goberno progresista, de esquerdas, pero sempre no que Galiza sexa un suxeito político decisivo e que se corrixan eivas históricas que lastraron o noso progreso e a nosa forma de concebir o país”.

Ana Pontón, pola súa banda, animou á militancia a “saír o domingo e demostrar que queremos a este país e que non llo imos entregar gratuitamente a ninguén. Aproveitemos este momento no que non hai maiorías absolutas para que sexa unha voz nacionalista, unha voz sen ataduras, quen condicione ese próximo goberno a favor dos intereses das galegas e dos galegos”.

Pontón e Presas visitaban asemade a adega ruesa Alán de Val, e pola tarde, a candidata ourensá asistía a un mitin no Barco de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button