PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “O novo Decreto 195/2017 pode abrir a porta a peches a medio prazo”

A deputada ourensá defendeu unha proposición non de lei instando á Xunta a manter os Rexistros da Propiedade da provincia de Ourense nas condicións actuais
Noa Presas durante a súa intervención no Parlamento.

O BNG está preocupado polo futuro dos servizos no rural, por iso a deputada do BNG Noa Presas, defendía na mañá do 7 de abril unha Proposición non de lei instando á Xunta a manter os Rexistros da Propiedade no territorio da provincia de Ourense nas condicións actuais.

Na súa intervención indicou que “Ourense perdeu nos últimos 8 anos o 5% da poboación ao que sumou o continuo recurte de servizos da Administración central que repercuten negativamente na fixación de poboación e o peche dos Rexistros prexudicará gravemente as persoas dos concellos do rural”.

Ante o anunciou do vicepresidente, Alfonso Rueda de dar marcha atrás ao peche, a nacionalista amosou o seu escepticismo e lembrou que “non é a primeira vez que o Goberno galego incumpre cos seus compromisos” polo que reiterou a súa petición para non pechar os servizos en Bande, Celanova, Viana do Bolo e Ribadavia. Noa Presas tamén manifestou  que o novo decreto “ pode abrir a porta a peches, a medio prazo” e avanzou que o BNG estará vixiante para que esta medida non se aplique.

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Paula Prado indicou que co novo decreto 195/2017 non se suprimen rexistros da propiedade, “reagrúpanse os rexistradores” e anunciou o voto en contra da iniciativa do BNG. A nacionalista replicou que o Partido popular mantén “unha dobre moral” neste asunto, por unha banda, o vicepresidente anuncia que non serán suprimidos e o PP no Parlamento, vota en contra “dun acordo para non aplicar esta medida” como reclamaba a proposición non de lei do BNG.

 

Artigos relacionados

Back to top button