PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “O PP traballa con improvisación na área sanitaria de Ourense”

Os nacionalistas solicitarán no Parlamento de Galicia que se organice unha visita con todos os grupos parlamentarios para verificar o estado das obras do CHUO
Noa Presas e Ramiro Rodríguez.

Os nacionalistas veñen de presentar unha solicitude no Parlamento de Galicia para que “unha delegación de todos os grupos parlamentarios visitemos tanto o acceso ao CHUO como o novo edificio”, contou hoxe, 5 de maio, en rolda de prensa a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas. Esta solicitude vén a colación porque, como dixo Presas, “o PP está en continua improvisación coa área sanitaria de Ourense”.

Tanto o deputado provincial, Ramiro Rodríguez, como ela aseguraron que “a día de hoxe continuamos sen ter unha data e sen saber exactamente cal vai ser a organización desta instalación”.

Os nacionalistas apoiaron as súas palabras en feitos históricos. “Hai que lembrar que, hai máis de un ano, estivo o antano Conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña acompañado de Ethel Vázquez, visitando as instalacións da ampliación e prometeu que ía abrir unhas instalacións para o público antes de rematar o 2016”, dixo Noa Presas.

A nacionalista insistiu en que Ethel Vázquez lembrara que era un prazo “folgado” e que incluso a boa meteoroloxía do verán faría que “as cousas fosen máis rápido”. Noa Presas asegurou que nese ano “tivemos un verán caloroso, e agora, un ano despois, seguimos se a apertura das novas instalacións”. Pa a deputada nacionalista todo isto parécelle “unha tomadura de pelo” e asegurou que se está a converter nas obras do AVE, “prazos e máis prazos a cambio de ningunha mostra de cumprimento”.

Asemade, dende o grupo nacionalista ourensán queren “facer unha denuncia ante a falta de transparencia e da falta de información” que hai tanto para os profesionais como de cara á sociedade, resaltou a Deputada. “Queremos esixirlle á Xunta que dea unha data e unha información sobre cal vai ser a distribución exacta das funcións da área sanitaria de Ourense, non pode ser que a día de hoxe nos digan que se vai demoler o Santa María Nai e ao día seguinte que a solución sexa outra”.

No eido das camas, Noa Presas salientou que “non pode ser que se falen de 700 camas e agora que se falen de 900”. E asegurou que as informacións que lles chegan dende o hospital é que “as habitacións estaban concibidas para unha soa cama e que, á hora de meter dúas, hai moitos obstáculos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button