PolíticaÚltima hora

Noa Presas repite como cabeza de lista do BNG por Ourense nas eleccións galegas

Tras a reunión do Consello Nacional da formación no que se ratificaron ás listas, a candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, instaba a mobilizarse de cara ao 12X

Ana Pontón, cos cabezas de lista do BNG nas provincias galegas no 12X.

 

O Consello Nacional do BNG vén de ratificar esta mañá as candidaturas de cara ás vindeiras eleccións do 12 de xullo en Galicia. Noa Presas repetirá como cabeza de lista pola provincia de Ourense, Olalla Rodil por Lugo; Luís Bará por Pontevedra, así como Xosé Luís Rivas e Montse Prado como números dous pola Coruña e Pontevedra. “Se todos e todas as que queremos un cambio nos mobilizamos, o 12X temos a oportunidade de vacinarnos contras ás políticas fracasadas e centralistas do PP e poñer en marcha unha nova Galiza cunha presidenta do BNG”, aseguraba a candidata á presidencia da Xunta polo BNG e portavoz nacional, Ana Pontón, tras a reunión.

Na súa intervención Pontón, instou a mobilizarse de cara á cita electoral galega post-Covid19. “Toca activarse para poñer en marcha o cambio galego e poder enfrontar con garantías o proceso de reconstrución económica e social, porque se antes do coronavirus era urxente un cambio en clave de país, agora é imprescindíbel se queremos ter futuro. Ante os tempos difíciles que veñen non imos dicir que hai solucións máxicas, pero si que Galiza pode saír adiante se cambia o rumbo”.

As enormes dificultades que trae consigo a pandemia non fixeron senón aumentar a vontade da candidata nacionalista de liderar o cambio que permita a reconstrución económica e social do país. “Nestes dous meses de confinamento cambiaron moitas cousas pero non cambiou en min as ganas de ser a primeira muller que presida Galiza e demostrar que hai outra forma de facer política. Teño máis convicción, máis ilusión e un compromiso reforzado polo contexto tan difícil que vive o noso pobo”, salientou.

Neste sentido, a candidata nacionalista destacou no seu discurso, o seu reto cara o 12X: “preséntome a estas eleccións para ser unha presidenta centrada en erguer o país, en coller da man ás persoas que quedaron sen emprego, á mocidade precarizada, ás mulleres que estiveron ao pé do canón na sanidade, nos supermercados, nos traballos da limpeza e coidados que nos sacaron adiante, hai que mellorar as súas condicións laborais. Quero ser presidenta para garantir unha sanidade pública de primeira e para que nunca máis vexamos a atención ás persoas maiores convertida no negocio duns poucos”, comprometeu.

Pontón explicou en que consiste o cambio real que aspira a liderar. “Cando falo de poñer en marcha un cambio galego quero dicir tres cousas: un cambio feito desde nós e para nós; un cambio sólido e solvente, con políticas serias que poñan a vida das persoas no centro; e un cambio social centrado en garantir presente e futuro digno á maioría social”, sintetizou Pontón. O país ten por diante “un reto enorme” que precisa “políticas e liderados xenerosos e incluíntes”, -recalcou-, lonxe “da confrontación gratuíta ou das artimañas partidistas”.

Artigos relacionados

Back to top button