PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “Se o BNG volve ao goberno da Xunta o abandono rural será corrixido”

A número un da candidatura nacionalista por Ourense analiza nesta entrevista o proxecto político que defende esta formación nas eleccións galegas

Noa Presas, cabeza de lista do BNG pola provincia de Ourense ás eleccións galegas do 12X./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Está sendo a súa segunda campaña como cabeza de lista do BNG por Ourense a unhas eleccións galegas. E Noa Presas afróntaa despois dunha lexislatura como deputada no Parlamento galego da que fai un balance positivo. “Con toda a humildade, creo que podemos dicir que dende o grupo parlamentar do BNG fixemos un bo traballo, un traballo tamén que foi positivo para a representación de Ourense e no que conseguimos levar grandes temas como a incidencia dos lumes, a desconexión existente tanto do transporte do ferrocarril como de autobús, con grandes agravios como ese tarifazo do tren Avant que afecta moito a unha parte da circunscrición. Tamén houbo cuestións concretas que afectan a Valdeorras como a necesidade dunha unidade para atener a silicose”, conta.

E en base a iso, considera que o BNG está “nunha situación positiva diante da campaña electoral. Creo que imos incrementar sen ningún tipo de dúbida deputados/as en xeral, e en concreto en Ourense, e que iso tamén nos vai permitir que a partir do 12 de xullo poidamos facer un traballo máis efectivo, confío en que desde o goberno galego”, destaca. Da candidatura nacionalista forma parte, por vez primeira, como número 3, a valdeorresa María G. Albert, concelleira na Rúa.

– Estas son unhas eleccións galegas inéditas pola situación sanitaria, ¿cre que pode ser posible nelas un cambio de modelo político en Galicia? ¿que papel pode ter Ourense nese sentido?

Nestes momentos pode haber moitas persoas preocupadas pola cuestión do coronavirus, sei que pensan que o das eleccións é algo secundario, pero quero dicirlle que supón algo moi importante porque nelas imos decidir como se vai xestionar o noso futuro, como imos enfrontar os importantísimos retos sociais e económicos que deixa o coronavirus.

Nese sentido, se Ourense non quere seguir perdendo ten que apostar por unha forza política como o BNG, sen ningún tipo de atadura e que ten un proxecto colectivo, de país que inclúe tamén a esta provincia, cun papel primordial en Galiza; e, dese xeito, poñer fin a anos de abandono que teñen unha razón fundamental, que son esas forzas centralistas que ao final están pendentes do que lles din os seus xefes dende Madrid, do que ordea Casado, Sánchez ou Iglesias, e non das necesidades reais de Galiza. Non teñen un proxecto que implique a todo o territorio e que queira acabar coas fendas que existen agora mesmo e coas desigualdades que afectan especialmente a Ourense e tamén ao sur de Lugo.

– ¿Como definiaría a candidatura que presenta o BNG na provincia de Ourense?

Podemos presumir orgullosas de que temos moita canteira na organización, persoas que están implicadas nos movementos sociais e con importante experiencia municipal. É o caso da nosa número 3, María Albert, que foi a primeira alcaldesa da Rúa e un claro exemplo dunha muller nova, activa, comprometida, con moita experiencia dende o ámbito municipal, que eu creo que terá un gran papel na próxima composición do Parlamento dende o seu coñecemento do territorio e cun perfil ademais moi adaptable a calquera a situación, sexa para facer un traballo de oposición e de traballo parlamentario, ou, na hipótese de poder conseguir ese cambio galego, que eu creo que está moi próximo, no goberno.

Tamén temos un número 2 con experiencia parlamentar e que vén dun ámbito profesional como é o do dereito, moi importante para a planificación de proxectos de tipo estratéxico. E iso, combinado con grandes persoas que levamos, cunha acreditada experiencia na xestión do medio rural, somos un aval de garantía de que se o BNG volve ao goberno da Xunta,o abandono do rural sexa corrixido

 

– ¿Cales son os aspectos centrais do voso programa no que atinxe á provincia de Ourense?

Hai unha cuestión transversal para todos os ámbitos que é que queremos facer valer este país, e que as decisións as tomemos dende Galiza, e non dende Madrid ou dende Bruxelas, e ter un goberno sen ataduras que, diante de todas as negociacións que se van abrir, dende a PAC ata o sistema de financiamento da comunidade, teña unha voz propia. Iso é fundamental para toda Galiza, pero especialmente para Ourense que, se foi peor nesta última década, foi porque tivo máis ración de PP.

Concretamente para Ourense hai dous piares fundamentais. Por unha banda, ter unha estratexia seria de reindustrialización para xerar postos de traballo aquí, non podemos ter polígonos industriais saturados en Pontevedra, con empresas que marchan para Portugal, cando despois  en Ourense hai solares enteiros criando toxos no lugar de estar disponibilizados para iso. E, por outra banda, necesitamos darlle a volta ao medio rural. Ourense dispón de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil e só 100.000 están activadas, é dicir, que hai 100.000 que están abandonadas, iso é unha superficie enorme. Ás veces se nos pon dende fóra o prototipo de que Ourense é rica en medio rural, e rica en abstracto, pero en concreto está abandonada, necesitamos unha política que aposte por este sector produtivo, por transformar aquí e por xerar valor engadido.

Nese sentido, Ourense si que está chamada no futuro, se hai un goberno nacionalista, a ter un papel moi importante de desenvolvemento no medio rural, pero moderno, vinculado tamén á investigación e buscando xerar un equilibrio territorial, dende un punto de vista realista. E non esas demagoxias que se fan ás veces de leis de demografía, que, por promulgalas, non van arranxar absolutamente nada.

¿E no caso do oriente ourensán, que cuestións plantexan?

Nós temos claro que o equilibrio territorial debe ser unha prioridade de todo Ourense respecto a Galicia, pero tamén do oriente ourensán, que historicamente foi moi discriminado pese a ter unha posición totalmente estratéxica de entrada dende Castela.

Nese sentido, si que nos comprometemos a que iso ten que ser unha realidade, e concretamente, respecto do viño entendemos que é un sector que necesita ser potenciado cunha liña estratéxica. A nosa intención é consensuar coas cinco DDOO unha lei galega do viño que sirva para impulsar todo iso. Necesitamos facer unha estratexia de incorporación de novos produtores e pechar problemas permanentes como eses dereitos históricos de plantación, que simplemente falta un goberno que dialogue con Madrid como ten que ser esa lexislación, xa que ao final son impedimentos e tamén unha trampa, en moitas ocasións, para que o sector do viño poida asentarse, estabilizarse e desenvolver máis capacidade económica da que ten a día de hoxe.

Tamén hai que tomarse en serio as infraestruturas, esixir en serio unha reforma, un arranxo desa N-120 e doutros compromisos pendentes que hai en materia de estradas, sen esquecer o ferrocarril. Creo que a estas alturas está na folla de ruta pechar a estación do Barco xa e nós non imos permitir iso. Nós, se temos a oportunidade, imos promover que haxa un tren galego de cercanías e que iso contribúa a conectar tamén Valdeorras con Ourense e aproveitar esa vía que temos absolutamente infrautilizada nestes momentos.

 

 

– Tras unha semana de campaña electoral, ¿que sensacións ten e cal é a receptividade que cre que están tendo as propostas do BNG?

A verdade é que a sensación está sendo moi positiva. Aínda sendo unha campaña un pouco extraña, con menos contacto directo coa xente, aforos limitados e demais, o certo é que hai moitas persoas que nos escriben, que nos chaman, que nos dan ánimos e que nos din que, por primeira vez, van votar ao BNG porque ven que somos un aval de seriedade e que temos un proxecto político para este país.

Nesa liña, si que cremos que estamos en condicións de poder disputar ese papel de segunda forza e contribuír a un cambio político neste país. Penso que dende a sociedade houbo unha reflexión profunda sobre que o camiño que levabamos de destrución do sistema produtivo e dos servizos públicos debe ter unha volta atrás, que os recortes, efectivamente, matan e que hai que ter prioridades claras como a sanidade pública. Iso vémolo moi ben en Valdeorras, vimos como a estratexia do PP é converter este hospital nun centro de día grande e creo que a veciñanza sabe valorar que se alguén estivo defendendo este tipo de cuestións non podían ser así foi o BNG durante estes anos, e que iso nos deixa nunha posición positiva de saída e intentaremos que así sexa.

– ¿Que lle diría á xente que, ante a situación sanitaria, dubide á hora de acudir a votar?

Eu convidaría a xente a que, con todas as precaucións, valoren que o dereito a voto é un dereito que temos conquistado, pero que é tamén en certo modo unha obriga ética e moral nunha circunstancia coma esta, onde precisamente temos que decidir cara onde imos tirar no futuro.

Entón acudir con precaución, pero da mesma maneira que imos a tenda ou ao super porque non podemos vivir sen alimento, pois creo que tamén ir encher as urnas de votos vai ser o alimento que consolide o noso futuro. Nese sentido, fago un chamamento á mobilización e, sobre todo, a esas persoas que queren cambio e que poden estar decepcionadas pola situación actual. O seu voto é moi importante e quedando na casa non imos conseguir nada.

Cando vimos as mobilizacións de “Verín non se pecha!” había moita xente que seguro que quedou na casa porque pensou que non se ía conseguir nada, pero se outra moita xente non se tivera mobilizado non se tería ganado esa batalla. Creo que hai un Ourense que non se resigna, que está convencido de que este país merece outra cousa e se ese Ourense vai votar, haberá cambio político.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button