PolíticaÚltima hora

Noela Blanco lamenta que a Xunta renuncie a reclamar a titularidade da estrada vianesa de San Agustín

A deputada socialista presentaba no Parlamento galego unha pregunta sobre o mal estado que presenta esta vía de comunicación
A deputada Noela Blanco, intervindo no Parlamento galego.

A situación da estrada Viana do Bolo-San Agustín-Poboado de San Sebastián vén de ser levada ao Parlamento de Galicia. A deputada ourensá do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, presentaba en xullo á Mesa da Cámara galega, xunto con Raúl Fernández e María Luisa Pierres, unha serie de preguntas para ser contestadas por escrito.

Entre outras cuestións preguntábase se a Administración galega coñecía o mal estado desta vía de comunicación e tamén se ten previsto facerse cargo dela, xa que ata agora pertence a unha empresa privada. En resposta a elas, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda dicía que a “totalidade da estrada é de uso público e está aberta á circulación sen limitación algunha” e, no relativo a un posible cambio de titularidade, apuntaba que “ao tratarse dunha estrada de ámbito local, enténdese que a dita titularidade, xunto coa conservación que leva implícita, non responde aos criterios para ser considerada autonómica”.

Noela Blanco lamentaba hoxe a resposta escrita ofrecida polo goberno galego, destacando a “miopía interesada” da Xunta sobre a mala situación da estrada, que “nega a evidencia con tal de evitar facerse cargo da mellora da seguridade dunha vía en estado lamentable”.

A deputada socialista ourensá levou ao Parlamento as denuncias dos vianeses, que “levan anos denunciando o mal estado desta estrada, onde cada día se enfrontan veciños, ambulancias, transporte escolar e visitantes en xeral ás fochancas, os desconchones e a maleza que levan ocasionado numerosos accidentes”.

Advirte que a titularidade privada do vial recae na citada eléctrica logo de ter sido construído orixinalmente para o acceso á central hidroeléctrica de San Agustín e a Presa das Pías. Esta situación, di, sérvelle á Xunta para sinalar que, malia que é unha vía de uso público e está aberta á circulación sen limitación, “a dita titularidade, coa conservación que leva implícita, non responde aos criterios para ser considerada autonómica”.

Artigos relacionados

Back to top button