EconomíaEconomíaÚltima hora

Noela Blanco plantéxalle á conselleira do Medio Rural a grave problemática da seca na montaña ourensá

A deputada socialista facíalle unha batería de preguntas sobre este tema na sesión plenaria do Parlamento e pedíalle “medidas reais” de apoio aos agricultores, gandeiros e apicultores desta zona ourensá
A deputada socialista por Ourense, Noela Blanco, durante a súa intervención no pleno do Parlamento galego.

A complexa situación que veñen arrastrando ao longo dos últimos meses pola seca os gandeiros, agricultores e apicultores da montaña do oriente ourensán expoñíase na tarde do 27 de setembro nunha sesión plenaria do Parlamento de Galicia, á que acudían como convidados un grupo de produtores da zona afectada. Ademais atopábanse coa sorpresa de que, sen previo aviso, se modificaba a orde do día establecida, co cal este punto, inicialmente previsto para última hora da mañá, pasaba para a sesión da tarde.

A deputada socialista Noela Blanco, vestida cunha camiseta co lema “Zona cero da sequía”, comezaba a súa intervención referíndose ao feito de que se lles negase aos produtores convidados á posibilidade de asistir ao pleno con camisetas como a que ela levaba. De seguido, explicaba a grave situación pola que están atravesando os gandeiros e apicultores da montaña oriental de Ourense á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, lendo ademais diferentes fragmentos dunha carta escrita por unha gandeira desa zona galega e amosando diversas imaxes. Logo preguntáballe á conselleira, entre outras cuestións, que medidas ten previsto desenvolver o goberno galego para paliar a situación destes produtores ourensáns, así como que medidas puxo en marcha durante este ano a Xunta para loitar contra a seca na provincia de Ourense.

 

Noela Blanco cos produtores afectados pola seca da montaña do oriente ourensán, no Parlamento.

Ante isto a conselleira respondía que neste ano teñen sido moito as inclemencias meteorolóxicas que houbo e das que o seu departamento ten coñecemento “a través do contacto coas denominacións de orixe, coas IXPs, cos sindicatos e con outros colectivos”. Aludía directamente a sectores como o viño, explicando a resposta dada dende a consellería tras as xeadas de abril ou as saraibas do verán nas provincias de Ourense e Lugo, pero sen referirse en ningún momento á seca nin ao sector agrogandeiro do oriente ourensán.

 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

 

Na súa segunda intervención Noela Blanco insistía en preguntar cando van chegar axudas directas para estes produtores e cando se van publicar no DOG. E facíalle entrega da citada carta da gandeira na que se detalla o día a día que están a vivir os profesionais deste sector, o traballo e os sobrecustes que lles está supoñendo a persistente seca, así como o perigo que corren as súas explotacións, ademais de pedir que se faga algo para evitar que esta actividade desapareza. “Entrégolle a carta posto que vostede non quere escoitar nin oír falar aos agricultores nin aos gandeiros para que pense e reflexione se vostede está facendo o seu traballo”.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez aseguraba que dende o seu departamento “intentamos facer un traballo serio, riguroso e constante”, referíndose de novo ás accións realizadas no sector vitivinícola e comentando ao final que “seguimos coas liñas abertas para poder axudar a gandeiros e apicultores”, aínda que sen matizar cales son ni de que forman se están levando a cabo.

Ao rematar este punto, Noela Blanco, facíalle entrega á conselleira en nome dos produtores da montaña ourensá da carta da gandeira así como dunha camiseta co lema “Zona Cero da Sequía”.

Despois do pleno os gandeiros presentes no Parlamento confesaban sentirse “decepcionados” pola resposta e a actitude da conselleira ante a seria problemática que están a vivir.

 

A carta íntegra da gandeira da “Zona Cero da Sequía” pode lerse en:

https://www.osil.info/carta-dunha-gandeira-de-viana-bolo-conselleira-medio-rural/

Artigos relacionados

Back to top button