PolíticaÚltima hora

Noela Blanco (PSOE): “A hemodinámica as 24 horas é unha necesidade”

A deputada socialista pedirá na Comisión de Sanidade do Parlamento que se instaure este servizo no CHUO “de xeito urxente”
Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

A deputada autonómica do PSdeG-PSOE pola provincia, Noela Blanco, presentou hoxe, 27 de febreiro, unha iniciativa que vai elevar á Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia no día de mañá.

A deputada socialista requiriulle ao PP que “rectifique e impulse a implantación de hemodinámica as 24 horas os 7 días da semana na provincia”. Para Blanco “semella un insulto” o anuncio que fixo o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o 21 de febreiro de ampliar a 22 horas este servizo baseándose nos datos do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio, “datos que se esforzan en ocultarnos”, asegurou Noela Blanco, que recalcou que as cifras das que dispoñen os socialistas “son os do Instituto Nacional de Estatística”, dixo. Segundo resaltou, estes datos poñen a Ourense “con 27 puntos por riba da media estatal” na taxa de mortalidade por infarto de miocardio. “Esta medida é un parche máis”, reiterou.

Por este motivo, para os socialistas esta ampliación horaria a 22 horas “non solventa o problema”. Por este motivo, Noela Blanco asegurou que o PP “ten mañá a oportunidade de rectificar e dicir se considera aos cidadáns desta provincia de primeira ou de segunda”.

Noela Blanco resaltou que esta petición vaina elevar ao Parlamento de Galicia nesta comisión “de xeito urxente” e lembrou que no ano 2011 os socialistas levaron á cámara galega un acordo “aprobado por unanimidade” para instaurar este servizo as 24 horas os 7 días da semana nos hospitais galegos. “O PP ten cumprir este acordo”, reiterou. Porque para os socialistas isto “é unha necesidade para a provincia” que asegurou que o risco de supervivencia dunha persoa nesta provincia tras un infarto de miocardio “dependerá do código postal onde viva”.

Preguntada polos medios, Noela Blanco dixo que esta provincia está a pasar “un auténtico viacrucis en materia sanitaria” y reiterou que outro dos problemas que centran a axenda dos socialistas ourensáns na Cámara galega é a implantación do servizo de Cirurxía Pediátrica as 24 horas no CHUO, xa que actualmente estanse derivando aos pacientes a Vigo.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button
Close