PolíticaÚltima hora

Noela Blanco (PSOE) presenta o seu decálogo “para pasar páxina na provincia”

A precandidata á secretaría provincial dos socialistas ourensáns asegurou que só se pode avanzar “dende o voto libre da mlitancia”
Noela Blanco.

Segue a campaña para a secretaría provincial dos socialistas ourensáns. A precandidata e deputada pola provincia Noela Blanco, presentou hoxe, 27 de novembro, en rolda de prensa, un decálogo cos seus dez primeiros compromisos “para pasar páxina na provincia de Ourense”, dixo, non só coa militancia senón tamén coa cidadanía que está a sufrir “as desastrosas políticas do PP”.

A precandidata reiterou que “temos que mirar para adiante con firmeza e convicción, e avanzar só dende o voto libre da militancia”. Blanco ratificou a súa aposta pola “unión e integración” reiterando que é o seu compromiso de traballo. Outro dos piares fundamentais para a socialista é a igualdade “cunha política transversal e compromiso coa paridade”, un reto especial no ámbito rural, dixo. Noela Blanco asegurou que nesta materia “hai moito que avanzar” incluso falou de a nivel interno do partido: “dos 80 secretarios provinciais só 20 son mulleres”.

A redención de contas dos cargos orgánicos dos cargos institucionais nas comarcas, o asesoramento e apoio técnico e xurídico ás agrupacións locais ou o pulo á formación, a través da organización de cursos nas comarcas, e a creación dun arquivo de cada unha das áreas con material dixital e audiovisual, son outros dos puntos base deste decálogo presentado por Noela Blanco, que asegurou que quere adaptar ao partido “aos novos tempos e modernizalo.

Neste eido avogou por reforzar a comunicación e nas redes sociais “para chegar á mocidade” ou cunha revista mensual dixital. Ademais, reiterou que vai buscar sinerxias e coordinación coas organizacións sociais da provincia e intensificará a relación coas Xuventudes Socialistas e cos sindicatos “de xeito especial con UXT e Unións Agrarias”, ante a grave situación do desemprego e a emigración ou os problemas de agricultores e gandeiros, con problemas como a seca.

A socialista quere falar tamén “sen complexos” de ecoloxismo e cambio climático, e “fortalecer a posición do partido no ámbito medioambiental” coa creación dunha área de desenvolvemento integral do medio rural para darlle tamén una resposta ao problema demográfico e trasladar esta problemática con forza ao ámbito nacional e federal do partido.

No referente á participación, comprométese a celebrar reunións comarcais periódicas de estratexia política e electoral, así como á convocatoria ordinaria de tres comités provinciais ao ano e a celebración trimestral dunha asemblea comarcal como órgano de nova creación.

Por último, Blanco lembrou a súa proposta de celebrar un ciclo anual de conferencias que leve o nome de Manuel Suárez, último alcalde republicano de Ourense que foi fusilado, dentro dunha serie de iniciativas para recuperar a memoria histórica. “É imprescindible reler páxinas da nosa historia e trasladarlla á sociedade e ás novas xeracións”, afirma. A socialista ampliará este decálogo inicial con máis propostas e iniciativas.

Artigos relacionados

Back to top button