Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Noela Blanco reúnese coa militancia valdeorresa a tres días das primarias socialistas

Adiantaba que de resultar elixida secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Ourense “a primeira medida que vou tomar é a unión e a integración”, ademais de centrarse nas vindeiras eleccións municipais

“Volvo a Valdeorras para seguir recabando e sumando militantes a este proxecto. Fágoo con moita ilusión, con moita forza, isto está sendo para min un proceso apaixoante que che permite tamén estar máis en contacto coa militancia”, aseguraba Noela Blanco, candidata á secretaría provincial do PSdeG-PSOE, na reunión que mantiña cos militantes desta comarca na tarde do 27 de setembro na sede barquense do partido.

Tras ser presentada polo alcalde do Barco e presidente da Fegamp, Alfredo García, comezaba a súa intervención agradecendo o apoio recibido nas eleccións celebradas o 17 de decembro e sinalando que “sigo comprometida con este partido neste proceso e creo que o vindeiro 30 de decembro é un momento para pasar páxina nesta provincia, para comezar a facer as cousas dunha maneira distinta, para que este proceso enlace directamente tamén co que vimos a nivel nacional e federal nestes últimos meses”.

Ademais resaltaba que “sempre falo en positivo do partido socialista porque me sinto moi orgullosa del, pero está nunha mala situación e a primeira medida que vou a tomar como secretaria provincial é a unión e a integración, penso que é fundamental. Esa unión e integración vai supoñer que haxa unha executiva que sexa plural, onde non se etiquete a ninguén polos apoios nun proceso ou noutro”.

Outro dos temas nos que se centrará de resultar elixida será o das eleccións municipais, “ese traballo ten que ser de fortalecer ás agrupacións, de facer unhas candidaturas que reflictan as necesidades e a visión que ten a cidadanía en cada unha das zonas de toda a provincia e a iso vou a dedicar a maior parte do tempo neste pouco máis dun ano que queda xa para ese proceso electoral”.

Noela Blanco tamén se manifestaba sobre o feito de que non saise adiante a súa proposta para facer un debate co outro candidato nestas primarias, Rafael Rodríguez. “Creo que era unha boa oportunidade para confrontar proxectos políticos e de facelo de cara a militancia, e teño que dicir que estou un pouco decepcionada porque eu fixen unha solicitude que o outro candidato nin sequera contestou. Penso que cando un se presenta a un proceso coma este teno que facer con transparencia, con normalidade, expoñendo o seu proxecto e mirando de cara e de fronte á militancia”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button