ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Noite de cocido e festa en Piñeiro (A P. de Trives)

Unhas 400 persoas asistían á XXIII Cea do Cocido na localidade trivesa como preámbulo ás festas de San Sebastián

Malia as dificultades e que dende a organización lamentaban a ausencia de xente botando unha man no laborioso traballo, un ano máis a Cea do Cocido de Piñeiro foi todo un éxito. Tanto na asistencia, cuns 400 comensais, como na calidade do xantar, cun exquisito menú a base de carne de porco (androlla, chourizo, lacón, orella e morro), patacas e repolo, a novidade deste ano substituíndo aos tradicionais grelos.

En torno ás nove da noite do venres 20 de xaneiro, abrían as portas da carpa instalada para a ocasión, na que por riguroso orde ían entrando os asistentes con entrada en man, chegados dende toda a contorna (entre eles o alcalde de Manzaneda), da Rúa, do Barco de Valdeorras,… Unha vez dentro, os organizadores e colaboradores ían repartindo os pratos coa comida.

Trala cea, amenizada pola charanga Nova Terras de Trives, un grupo de cativos encargábanse de vender rifas a un euro para participar no posterior sorteo de 500 euros, que este ano foron a parar ao peto dunha veciña de Trives. Tamén se sortearon diferentes produtos (viño, queixo, ingredientes para facer un cocido,…) donados por empresas da zona que quixeron colaborar co evento.

E unha vez rellidas as mesas, a troula continuaba ata a madrugada coa animada música de Los Íñigos, un estupendo aperitivo para a festa que continúa hoxe coa procesión e misa, sesión vermú a cargo da banda de gaitas Os Trintas de Trives, e baile e verbena coa orquestra Olympus. Mañá, domingo 22 de xaneiro de novo procesión e misa co acompañamento musical da Coraliña Cantora que cantará tamén uns temas na sesión vermú.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button