ConcellosO BarcoÚltima hora

Noite de astronomía no Salgueiral do Barco

A actividade "Astronomía nas rutas xacobeas" permitiu aos veciños coñecer un pouco máis o ceo nocturno

 

A Área Recreativa do Salgueiral, no Barco de Valdeorras, acolleu a noite do martes, 28 de xullo, o evento “Astronomía nas rutas xacobeas”. A actividade, organizada polo Concello do Barco en Colaboración co Observatorio Ramón María Aller e a Unviersidade de Santiago de Compostela, permitiu aos barquenses coñecer un pouco máis sobre o ceo nocturno e os corpos celestes.

 

Imaxe tomada durante a charla. / Foto: cedida.

 

O “congreso público” comezou ás 21:45h cunha charla introductoria centrada nos meteoros, bólidos e a choiva de estrelas. Durante a breve conferencia, os presentes estiveron sentados en cadeiras ben separadas entre si para gardar a distancia de seguridade obrigatoria, froito da pandemia do coronavirus. Rematada esta primeira parte, os poñentes procederon a instalar dous telescopios de alta potencia. Arredor das 23:00h, a organización foi chamando aos asistentes por grupos para que puidesen observar por eles mesmos, a beleza do ceo nocturno. Os veciños viron a Lúa, o cometa C/2020 F3 Neowise e os planetas Xúpiter e Saturno.

 

O concelleiro, Eladio Santos, durante a súa intervención. / Foto: cedida.

 

O acto foi presentado polo concelleiro de Comercio e Turismo, Eladio Santos, quen, en declaracións posteriores, quixo destacar o “éxito total da actividade”. “Estaba programada especialmente para un público adolescente e novo, e considero que é de gran importancia ofrecerlles este tipo de eventos científico-culturais”, continuaba Santos. O edil tamén sinalou que a gran afluencia de xente deixa claro que “no Salgueiral pódense facer cousas e os veciños acoden sen ningún problema”.

O acceso á actividade era gratuíto pero o Concello limitou o aforo a 50 persoas para evitar aglomeracións de xente. Ademáis da distancia de seguridade e o uso obrigatorio de mascarilla, os poñentes desinfectaban o telescopio despois de cada quenda.

Fotos da galería: Víctor Santos.

Artigos relacionados

Back to top button