CulturaMúsicaÚltima hora

Noite de góspel no Teatro Lauro Olmo do Barco

O grupo Aba Taano dará un concerto o xoves 19 de marzo en beneficio do proxecto “Música para salvar vidas”
O grupo africano de góspel Aba Taano.
O grupo africano de góspel Aba Taano.

Tralo éxito da súa xira por Europa, o sexteto vogal a capella góspel africano, Aba Taano, regresa a España cun conmovedor espectáculo que chegará ata o Barco de Valdeorras o vindeiro xoves 19 de marzo ás 20:30h. no Teatro Lauro Olmo.

Cantarán en zulú, swahili, luganda, runyancore, etc. pero tamén interpretarán góspel tradicional en inglés e pop. Os seis artistas cantan e bailan a un tempo, facendo das súas actuacións “un espectáculo único, cheo de ritmo, alegría e beleza grazas á mestura de cantos con coreografías preparadas por eles mesmos” explican dende a ONG “Música para salvar vidas” o proxecto humanitario que axudan a financiar cos seus cantos. O labor deste proxecto é axudar a nenos horfos procedentes de Uganda, a labrar o seu futuro por medio da música e a danza, desenvolvendo a súa confianza e talento.

“Son todo un exemplo do que se pode facer con concertos e actuacións para un continente que segue soportando unha taxa altísima de miseria” explican dende a ONG, engadindo que “os concertos de Aba Taano están impregnados de pureza, forza e entusiasmo conectando en todo momento co público. As súas voces emocionan a todo tipo de audiencia”. Este verán participaron nos World Choir Games celebrados en Riga obtendo a medalla de ouro dentro da categoría: Música Espiritual e de Fe. Ademais, gañaron o premio outorgado polos directores artísticos pola súa versión da canción oficial dos Xogos.

As entradas para o concerto do Barco de Valdeorras custarán 8 euros e estarán á venda unha hora antes do espectáculo.

Artigos relacionados

Back to top button