CulturaCulturaÚltima hora

“Noite de Medo na Biblioteca” e un obradoiro de decoración para celebrar o Samaín, no Barco

As actividades están dirixidas ao público infantil do municipio e terán lugar os días 28, 29 e 31 de outubro
Cabazas de Samaín.

O mundo dos mortos e as castañas, o Samaín e o Magosto, son dúas tradicións que marcan o outono en Galicia. E son tamén os dous aspectos que centrarán as actividades organizadas dende o Concello do Barco de Valdeorras, especialmente dirixidas aos nenos do municipio.

Para os días 28 e 29 de outubro, está previsto un obradoiro de decoracións para o Samaín, que se desenvolverá na ludoteca o sábado, e na biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán o domingo, en ambos casos entre as 11:30 e as 13horas. Para asistir hai 30 prazas dispoñibles e a inscrición deberá entregarse na biblioteca antes do venres 27.

E xa na tarde no martes 31 de outubro, celebrarase a “Noite de Medo na Biblioteca”. A festa comezará en torno ás 19h. e incluirá un concurso de disfraces, contacontos e un obradoiro de cociña de medo, no que os cativos “aprenderán a preparar uns pratos deliciosos pero que darán moito medo e que formarán logo parte do menú da cea”, explican dende a organización, engadindo que para participar no obradoiro e na cea, será tamén necesaria a inscrición previa na biblioteca antes do 27 de outubro.

Outra das actividades previstas neste mes está dirixida aos alumnos de 6º de Primaria dos colexios do Barco de Valdeorras. Trátase dunha exposición, na que se fará un percorrido polos personaxes de medo da tradición galega. A mostra colocarase na Biblioteca, xa no mes de novembro, para que toda a poboación poda vela adenais de servir como decoración para o espazo da Festa do Magosto, unha actividade que “este ano tentará ser un chisco máis especial, con actividades que xa case están organizadas”.

Artigos relacionados

Back to top button