ConcellosÚltima hora

Noite de San Xoán na praza de Viloira, no Barco

Deporte, música, humor e lume xúntanse no programa organizado polas Concellerías de Deportes e Cultura para o 23 de xuño
Cartaz da Noite de San Xoán no Barco de Valdeorras.
Cartaz da Noite de San Xoán no Barco de Valdeorras.

Máxica e moi especial será este ano a Noite de San Xoán no Barco de Valdeorras, cun completo programa de actividades organizado polo Concello, no que se mestura o deporte coa cultura e o humor.

Ás 20 horas do 23 de xuño, comezará o apartado deportivo da xornada, coa II edición da carreira e andaina populares. Seguindo a liña da edición do ano pasado, a proba contará con dous circuítos con saída e meta na praza de Viloira, un para os máis pequenos e outro de 4,5 quilómetros para os adultos. Todos os corredores recibirán un bocadillo de panceta xunto co dorsal.

Unha vez rematada a carreira, en torno ás 22 horas tocaralle o turno á festa propiamente dita. O actor galego Pepe Penabade da compañía Volta e Dalle Teatro, será o encargado de poñer o toque de humor á noite co espectáculo “Afiador e paragüeiro”. A parte musical da velada correrá por conta do grupo Os Primordiais, un dúo “diferente onde os estilos farán bailar a todo tipo de público”, explicou Margarida Pizcueta, engadindo que estarán acompañados por dous bailaríns profesionais, Miguel Sotelo e Andrea Cabanelas, que serán os encargados de animar e guiar aos asistentes.

E xa coas doce badaladas chegará o momento da queimada (elaborada e servida polos bares da praza que tamén terán sardiñas e outros produtos) e o conxuro guiado polo actor, así como o salto da fogueira na praza, rematando a festa a altas horas da madrugadas ao son de Os Primordiais.

Artigos relacionados

Back to top button