ConcellosEn portadaÚltima hora

“Non se está pensando no deterioro dos usuarios dos Centros de Día, que é real”

Patricia López, do Centro de Día O Salgueiral do Barco, forma parte da Plataforma Galega de Centros de Día que vén de abordar a apertura destes servizos nunha reunión con Política Social

Patricia López, responsable do Centro de Día O Salgueiral no Barco.

 

A necesidade da reapertura é unha cuestión que veñen de plantexarlle novamente os representantes da Plataforma Galega de Centros de Día (que agrupa a máis de 70 centros deste tipo) no encontro que mantiñan onte con membros da Consellería de Política Social. Desta entidade forma parte a valdeorresa Patricia López, responsable do Centro de Día O Salgueiral do Barco.

“Na reunión pedímoslles que nos plantexaran unha data de apertura, porque setembro viámolo inviable. A data non a deron, pero por todo o que nos dixeron podemos vislumbrar que igual en xullo se puidera facer efectiva”, comenta Patricia López.

A apertura iría condicionada a unha serie de cuestións que deberían cumprir os centros. A primeira delas sería que os traballadores dos centros realicen unha formación especializada en temas como a colocación de EPIs (equipos de protección individual), que podería iniciarse a vindeira semana.

Ademais, prevese que no transcurso desta semana facilitaráselles un protocolo específico para os centros de día. “Ese protocolo témolo que adaptar cada un aos nosos centros, porque cada centro é moi particular, hai centros no rural, na cidade, hai centros moi grandes, centros máis pequenos”, matiza Patricia González.

E xunto co protocolo deberá facerse unha memoria. Ambos deberán ser validados pola Consellería de Sanidade. “Cando os protocolos estean autorizados pola Administración e por Sanidade, xa se poderá ir retomando a actividade de maneira escalonada nos centros e empezando coa xente que máis o necesita, tanto por deterioro como por concialiación familiar. Dende a plataforma a nosa postura é de colaboración coa administración. Nós imos facer todo o posible para abrir, vanse adaptar os centros, vanse adaptar os protocolos, vaise facer a formación que eles queiran, pero chegado esa data na que nós teñamos todo, tamén queremos respostas”, continúa a responsable do centro de día barquense.

Así mesmo, Patricia López, incide no importante labor que desenvolven estes centros, que levan pechados tres meses. “Non se está pensando nos usuarios, no sufrimento e no deterioro que están tendo os usuarios porque é real. Eu falo coas familias todas as semanas e dinmo, e coma min, os outros centros de día de Galicia. As propias familias non entenden como unha persoa pode ir a unha terraza, a misa ou ao supermercado e, en cambio, non pode ir ao Centro de Día. Non é un centro social ao que vai xogar ás cartas, non, é un centro socioterapéutico, no que se traballa con eles, no que marcamos uns obxectivos e facemos unhas terapias específicas para os maiores”.

 

Artigos relacionados

Back to top button