EntrevistasEntroido

“Non se trata dun disfrace, é un traxe con miles de anos”

Daniel Fariñas Navarro leva saíndo de Pantalla en Xinzo dende que tiña 7 anos, esta máscara “na miña casa era sagrada”
Daniel Fariñas./ Foto: Carlos G. Hervella.
Daniel Fariñas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Texto: Ángeles Rodríguez

A tradición non se escribe, faise. Diso está convencido Daniel Fariñas Navarro, Pantalla en Xinzo da Limia dende pequeniño. “Temos que gardar a nosa cultura, non podemos perdela. Á Pantalla hai que respectala, vestirse ben, levar zapatos negros… Hai quen ten á Pantalla como un disfraz máis, pero non o é. É un traxe con miles de anos, unha tradición. E iso moitas persoas non o entenden. Creo que pode deberse a que nunca o pasaron ben de Pantalla, por esa razón saen ao mellor coa carauta debaixo do brazo. Non saben levala, nin divertirse con ela, que é do que se trata. Procuramos convencer á xente de que hai que facelo ben, intentando mellorar cada ano, mantendo a tradición. E a xente vaise concienciando”.

 
Así o ve Daniel Fariñas e así llo transmitiu tamén a súa familia. “O meu avó e o meu pai foron Pantallas. O primeiro disfraz que puxen foron os calzóns deste traxe. Con 5 aniños fun de Pantalla, coas vexigas pero sen carauta, collido da man da miña nai. E a primeira vez que saín de Pantalla con amigos tiña 7 anos. O Entroido está moi arraigado na familia Fariñas e o tema da Pantalla na miña casa é case sagrado. Cando me vestía ao principio recordo que, antes de saír, o meu pai revísabame para ver se os pantalóns estaban ben ou os zapatos…”.
Ademais de vestirse de Pantalla, Fariñas desfruta disfrazándose ao longo das datas do Entroido, unha festa que en Xinzo se vive intensamente na rúa xa dende o Domingo Fareleiro. “Eu levo preparando un disfraz case tres meses cos meus amigos, pero hai xente que dende setembro está facendo disfraces, carrozas, arranxando as carautas da Pantalla, porque hai que pulilas, pintalas de novo…”. Son, di, maneiras de ver e de vivir esta festa. “O Entroido faino a xente, o pobo. É para parodiar, para facer aquilo que non se fai o resto do ano, sempre con respecto, pero a burla está aí”.

 
Son case 30 anos os que leva vestíndose de Pantalla, converterse nesta máscara ¿é case unha necesidade?
É como un caramelo para un neno. Levas esperando un ano por ese día, que é o meu día e do meu pobo. É algo que che gusta, que cada ano se fai un pouquiño mellor. É unha satisfacción mutua: a xente quere que o fagas ben e ti queres facelo ben. Non é unha obriga, é unha satisfacción saír de Pantalla, quedar cos amigos, un ano cuns, ao seguinte con outros…
¿Que é unha Pantalla?
Segundo conta a lenda, hai moitísimos anos, cando existía a lagoa de Antela e a cidade de Antioquía, a Pantalla era un demo para escorrentar aos ladróns, para que non entraran nas casas. Así llo contaba o meu avó ao meu pai.
¿A partir de que data saen as Pantallas?
O Domingo Corredoiro é a súa estrea, pero ese día non se colle a ninguén, é para lucir a Pantalla, para que a xente a vexa. É dicir, preséntase como máscara para logo xa interactuar… Despois saen o Domingo de Entroido, o Luns e o Martes, pero nunca o Sábado.
¿Como é a súa indumentaria?
Empezando por abaixo, debe levar un zapato sempre negro e cómodo, porque vas correr. Logo os polís, que van dende o zapato ata debaixo do xeonllo. Son negros, con axóuxeres pequeniños e cunha cinta vermella, verde ou azul na parte de arriba. Logo está o calzón e a camisa ou camiseta, brancos. E, despois, a faixa, de cor roxa, azul ou verde. Cada un combina as cores como máis lle gusta. E, sobre a ela, vai un cinto de campaíñas e axóuxeres. Aí tamén pode haber algunha choca pequeniña. Esa mestura dá un son peculiar, moi diferente ao dun Boteiro ou ao dun Cigarrón, que levan chocas grandes. Se seguimos subindo, temos a capa, que pode ser verde, azul, roxa, branca… Eu diría que negra non. No pescozo vai o pañuelo, e logo a carauta, que acostuma levar pintados motivos astrais: estrelas, lúas… Antigamente facíanse na casa, a cara era de feltro e o cucurucho de cartón.

¿Como se comportan as Pantallas?
Van en grupo e collen á xente, pero sempre a unha persoa coñecida e home, que te convida a tomar uns viños. Pode ser que vaia a muller con el, pero nunca a colles, báilase ao redor dela e, se a xente ve que o fas ben, pois aplaudente e iso é moi halagador. A min pasoume varias veces. Ao mellor poste arredor de señoras de 80 ou máis anos, que van co caxato e con algo disfrazado, bailas e ves cómo se emocionan. Que a unha Pantalla lle suceda isto é unha satisfacción, significa que o estás facendo ben, sobre todo cando se trata de xente maior, que sentiu e viviu moitos anos o Entroido. Isto é o que se chama o sufaldreo. Antigamente ás mulleres levaban sempre saia e trátase de tentar levantarlla un pouco, non de todo, como un agradecemento, xa que o home, que nos coñece, nos convida a uns viños.
A Pantalla é moi respectuosa…
Si, sempre. Se ti a respectas, ela respéctate, nunca pega. As vexigas son para bater unhas contra outras, nada máis.
¿Como debe moverse?
Hai que trotar. Non se trata de correr rápido, senón de saltar na punta dos pés, dun lado para outro, e entón as campaíñas van co teu xogo, ti fas que se movan. Se esprintas, non se van oír. Ademais tes que agacharte e saltar, non corres recto, e iso dá moito xogo e é o peculiar desta máscara.
Ademais está o seu berro característico…
Si, como se fora un demo. A Pantalla fai oooohhh ooohhh oooohhh… cando vai correndo, en plan intimidatorio. De feito, a xente cando as ve vir, apártase aos lados para facerlles sitio. Van en grupos de sete ou de cinco, trotando, coas vexigas, cos cascabeis e berrando, e esa mestura impresiona e queda moi bonita, moi elegante.
¿Cantos días sae de Pantalla?
Un día, pero cando chego a casa vou rebentado. É duro porque ao mellor un Peliqueiro ou un Boteiro corre para adiante e salta, pero nós movemos todos os osos, porque te agachas, te levantas, faslle o amago de levantar a falda a unha moza, se ao mellor vén de fronte outra pantalla saúdala, saltas para un lado para o outro… Saes ás once da mañá e chegas ás catro da tarde a casa. Iso cansa, pero é o bonito do Entroido. Esa tarde ao mellor poño un disfraz e vou na charanga, pero moi suave porque as perniñas cánsanse. Ademais de saír de Pantalla, gústame estar na rúa, porque en Xinzo o Entroido é na rúa. Falas con un, con outro…, e cando vén a charanga, todo o mundo baila, e iso é o realmente bonito. A min o que me gusta é que cada pobo teña o seu Entroido, as súas tradicións, que é como tiña que ser, como era antes.

Artigos relacionados

Back to top button