OurenseÚltima hora

Nortempo recibe o premio “Servir 2017” do Rotary Club de Ourense

A fundación doará os cartos do premio a AFAOR e ANASBABI
A gala celebrouse no Hotel Balneario de Laias.

O Rotary Club de Ourense recoñeceu a traxectoria de Nortempo co Premio Servir, unha distinción que entrega anualmente a entidade de organizacións ou personalidades que tiveran destacado pola súa labor humanitaria . En concreto, resaltaron a vocación integradora da compañía de Recursos Humanos, “fomentando emprego e formación, e o seu apoio á sociedade ourensá”.

A gala tivo lugar o pasado venres no hotel balneario de Laias. Os cartos recadados serán entregados á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e á Asociación Nacional de Síndrome de Bardet-Biedl e Ciliopatías (ANASBABI).

O presidente de Nortempo, Bartolomé Pidal Diéguez, amosouse “emocionado, orgulloso e agradecido” por este premio que “recoñece todo o esforzo que dedica o Grupo “ao traballar polas persoas” e impulsar a empregabilidade e a integración dos colectivos en risco de exclusión indicando que “a Responsabilidade Social Corporativa é a chave do éxito empresarial e debe partir dun mesmo”. “As empresas temos un compromiso coa sociedade e, en concreto, as que nos dedicamos aos Recursos Humanos cumprimos coa función de xerar benestar e facilitar o acceso ao mercado laboral de moitas persoas”.

Bartolomé Pidal Diéguez salientou no seu discurso a importancia da Responsabilidade Social Corporativa.

Pidal Diéguez referiuse tamén ao vínculo permanente que mantén co seu Vilavella natal e o compromiso co desenvolvemento socio-económico desta localidade ourensá a través de diferentes proxectos, tamén recoñecidos polo Rotary Club nesta distinción. O epicentro dinamizador que supón o hotel spa; a gandería de vacún autóctono galego; os encontros de intelectuais e políticos para construír escenarios de convivencia e intelixencia ou a intención de activar un programa transfronteirizo que xere emprego, atractivo e riqueza para a zona son claros exemplos.

Ourense está no corazón deste emprendedor vocacional tamén coa recuperación de Benposta, “cidade” da que Bartolomeu Pidal foi alcalde, e que ten para o presidente de Nortempo unha importancia vital desde a súa mocidade. Agora, desde a Asociación Cultural Pai Silva, que tamén preside, pretenden recuperar a obra magna do fundador da Cidade dos Raparigos e convertela en modelo de innovación educativa de referencia en todo o mundo.

Artigos relacionados

Back to top button