Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Nós-Candidatura Galega aposta por unha “voz propia para Galicia en Madrid”

Diego Lourenzo, candidato ao Senado por Ourense, participaba nun mitin xunto á Tareixa Paz, deputada do BNG, no Barco

“Temos as listas máis novas de todos os partidos e non por iso as menos preparadas. Apostamos pola xuventude, pero somos herdeiros do bo traballo feito polo BNG no Congreso dos deputados nos últimos vinte anos. Ata que o BNG chegou a Madrid non se falou dos problemas de Galicia”, destacaba no Barco o 14 de decembro o verinés Diego Lourenzo, candidato ao Senado de Nós Candidatura Galega por Ourense nas eleccións do vindeiro 20 de decembro. Tamén resaltaba que a desta formación é unha “campaña feita coa forza da nosa xente, coas nosas mans” e que “apostar por Nós é apostar por ter unha voz propia en Madrid”. A súa intervención completaba un mitin que abría Suso Vilasánchez (do BNG do Barco) aludindo ás actuais políticas de recortes e dereitos civís e poñéndoas en relación co pasado da provincia.

De seguido, tomaba a palabra Tareixa Paz, deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego, quen comezaba lanzando unha mensaxe contra a resignación. “A situación de Galicia é moi grave, e a de Ourense especialmente grave. Cada día marchan da provincia 15 mozos, iso supón que en dous meses desaparece un Larouco en Ourense. Pero non imos ficar na resignación de pensar que isto non ten solución. En Nós-Candidatura Galega cremos que a iso se lle pode poñer fin porque este país ten moitas potencialidades e alternativas”, aseguraba Paz.

Ademais a deputada nacionalista explicaba, en alusión ao programa de Nós, que para “facerlle fronte á falta de oportunidades imos defender en Madrid tres cousas. Primeiro que se derogue a actual reforma laboral, que trata aos traballadores case como escravos”. En segundo lugar, Paz mencionaba a necesidade de “dotarnos de instrumentos para que dende os cartos públicos se poda incidir na economía” e, en concreto, aludía á importancia de contar “cunha corporación industrial”. E finalmente sinalaba que Nós “esixirá en Madrid” un cambio na xestións dos recursos hidroeléctricos galegos con varias medidas. “O que se xoga Galicia o 20 de decembro é o seu futuro, é estar en Madrid, seguir contando na política do Estado porque se non está o nacionalismo, ninguén o vai facer por nós”, subliñaba Tareixa Paz.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button