Entroido

Nos dominios do Vellarón

Artigo de Xosé Rodríguez Cruz, estudoso da etnografía. Natural da Gudiña

 

Vellarrois no Entroido de Verín, å marzo de 1973. foto cedida por José Reigada.
Vellarrois no Entroido de Verín, å marzo de 1973. foto cedida por José Reigada.

Esváese 2014, é tempo das matanzas do porco, atopámonos no fondal que foi cavando a traveso dos tempos o río Ribeiriña, e seguimos avanzando pola estreita estrada, entre lameiros e hortos da vizosa faceira da Veiga do Seixo (Riós), e pasamos ao carón da ermida de Santa Ana. Por esta zona riscouse a liña da fronteira, do outro lado recuncan as poboacións da Cisterna, Quirás, Vilarinho da Lomba…

O berce ou ámbito

Logo de moito tempo, volvemos na procura dunha artesá da máscara de Vellarrón, xa pasaron máis de vinte anos, daquela andabamos recadando datos sobre esta figura de entroido. Vai meses que chegaron a nós unhas vellas fotografías que son testemuña dos derradeiros traxes e máscaras feitas por artesáns deste lugar, temos que dicir que pasado o tempo esta figura entroideira volveu rexurdir como un dos personaxes principais do Entroido do concello de Riós.

Por aquí ten o berce esta máscara, amais téñennos dito que no cercano Castrelo de Cima tamén adoitaban saír máscaras semellantes a estas, adobiadas con algunhas diferenzas e nomeadas de igual maneira. Hai que dicir que hai referencias nas que se di que na veciña Cisterna tamén chegaron a saír máscaras semellantes a estas –quizais por imitación-, indagacións que temos procurado a traveso de persoas maiores veciñas deste lugar, sendo ata o de agora infrutuosas.

Os elementos da máscara

No que atinxe ás diferentes pezas que compoñen o seu traxe habitual, hai que dicir que a carauta deste personaxe estaba feita de cartón forte, representando unha cara humana, cun longo e afiado nariz, negros bigotes e barba feitos de la de ovella. Amais, unha viseira colocada no comezo da coroa, e por baixo dela cellas e pestanas pintadas, e boca entreaberta con branco dentame. Nos laterais da careta levaba unhas grandes orellas feitas de papel pregado en forma de acordeón; mentres que a parte posterior era cuberta con papeis de cores variadas.

Na súa parte superior levaba unha especie de coroa real, feita de vimbios entrelazados e enfeitados con papeis de cores, que antano eran pegados con masa feita de farelos e auga. No pericoto da coroa ía unha escarapela ou borla da que penduraban moitas fitas de papel de cores, e a parte baixa e frontal da coroa, xa preto da careta, era o lugar onde hai quen di que se adoitaban colocar fermosas postais.

O resto do traxe de Vellarrón estaba composto por outras pezas, nas que destacaban unha camisola, calzóns, polainas… A camisola era unha simple camiseta branca de felpa de manga larga, enfeitada con fitas de papel rizado de cores que formaban unha figura a modo de triángulo invertido, rematando o vértice case na cintura da persoa. Por baixo do peito levaba unha especie de escarapela ou ampla flor da que penduraban varias fitas de cores, igual que no vértice do debuxo da parte posterior. Nos ombreiros tamén levaban escarapelas a modo de xarreteiras das que igualmente penduraban fitas de cores.

O calzón, de felpa, era enfeitado coséndolle cintas de papeis de seda, ou rizado de varias cores formando bandas horizontais. Ao redor do pescozo levaban un pano de cor branca, e na cintura unha faixa da mesma cor, amais dun cinto con varias esquilas. A faixa servía como un elemento decorativo e preservaba ao portador das posibles molestias que lle puideran causar o cinto coas esquilas. Nas pernas levaban polainas negras de coiro ata os xeonllos, suxeitas con fibelas, e nas mans luvas de cor branca. A variante referida de Castrelo de Cima, din que vestía de igual maneira, aínda que con cintas de tea de distintas cores.

Máscara fustigadora

O Vellarrón pódese encadrar neste grupo de máscaras que portan elementos cos que ameazan ou baten a quen se atopan no seu deambular polas rúas, e tamén porque levan outros que producen forte ruído ou sons, como é o caso que nos ocupa porque levan varias esquilas suxeitas nun cinto na parte da cintura.
Antes portaban un farrampo ou tralla, que se asemellaba a un mallo, con mango feito de pau e unha tira de pel, ás veces forrada cunha tea ou lona de saco. Con este farrampo zorregaban e ameazaban a cantos atopaban polas rúas. As modernas máscaras de Vellarrón vese que empregan trallas semellantes ás dos cigarróns, que coido deberían trocar polo antigo e referido farrampo, igual que portar esquilas en vez de chocallos.

Julio Caro Baroja (cfr. El carnaval, 401 e ss.) fala de varias máscaras fustigadoras, botargas de Guadalajara, de Burgos… e outras propias da provincia de Ourense, de Aragón…. Son máscaras que adoitan ou teñen licenza para golpear, expulsar, con aspecto aterrador, que perseguen ou baten a veciños e forasteiros que atopan ao seu paso, con paus, farrapos, vexigas, trallas, farrampos, varas…

Máscara itinerante e petitoria

Consta que o grupo de máscaras de Vellarrón, sobre seis, acostumaban saír a pedir viandas pola aldea e tamén visitando lugares veciños, para logo degustar o colectado entre todos os mozos do lugar, días despois, por exemplo no Domingo de Piñata. Algún ano visitaron as aldeas de Castrelo de Abaixo, Covelas, Florderrei, A Pena do Souto, As Vendas da Barreira, O Navallo… ou pobos do concello da Gudiña como San Lourenzo, Pentes, Barxa…, facendo noite nalgún deles. Sendo recibidos con agasallos de benvida, convidados a doces, licores, etc.

Partían do seu lugar de orixe realizando un itinerario ou percorrido non establecido no tempo, dado que este se podía alongar ou acurtar dependendo de se visitaban máis ou menos aldeas e do tempo que permanecían en cada unha. Antes de comezar este percorrido as máscaras ían en carreira ata a ermida de Santa Ana, dando unha volta arredor do edificio relixioso, pedíndolle á santa que durante eses días non chovese nin fixese mal tempo; hai quen afirma que a petición cumpríase. Na Veiga, lugar de partida, tamén realizaban a colecta petitoria, acompañados por unha madama, unha moza –ou un mozo- disfrazada ou engalanada con roupas elegantes, e tamén un farrampón, un mozo disfrazado con roupas vellas e a faciana tapada; personaxes que se encargaban de recoller as viandas de porta en porta, ovos, pezas do fumeiro, etc. Cando ían polas rúas, había quen lle berraba ás máscaras de Vellarrón: -¡Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!

O nome, outros personaxes

As máscaras de vello ou de vella son recorrentes, comúns no Entroido, a súa presenza aparece testemuñada en moitos entroidos, a maioría vestindo roupas vellas, farrapentas, imitando ás que adoitan poñer persoas de idade, outras portando outro tipo de elementos, etc. Exemplos hai dabondo. Vellarrón, aumentativo de vello, ten que ver con este tipo de máscaras, a pesar de que aquí adoita representarse cun traxe e outros elementos que o caracterizaban como unha máscara tipo, que identificaba o entroido desta zona, non como outras que empregan roupas variadas, luxadas, esfarrapadas… A pesar de que aquí tamén saía xente disfrazada de vellas, de Vellarronas, mulleres ou homes, utilizando a indumentaria descrita, como pode ser o caso do Farrampón, unha figura tamén documentada noutros lugares. O caso contrario son as Madamas que igualmente aparecen noutros entroidos. A figura da Madama destácase como un elemento importante no referido acto petitorio das viandas, engalanada con roupas boas e portando unha cesta onde ía metendo os produtos que os veciños doaban.

Máis información no monográfico “Entroido en Galicia”  en papel de O Sil.

José Rodríguez Cruz, autor do texto./ Foto: Carlos G. Hervella.
José Rodríguez Cruz, autor do texto./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button