Entrevistas

“Nós reclamamos 58.202 euros”

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, recomenda a concellos, empresas e particulares revisar a súa facturación eléctrica
O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón.
O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón.

Concibe o Concello como “un instrumento que hai que poñer ao servizo dos veciños”. E con esa idea Xan Jardón Pedras leva traballando varias lexislaturas en Vilar de Santos, municipio de 20,7 km2 e 923 habitantes (INE, 2013), da comarca da Limia. Primeiro fíxoo como concelleiro e a partir do 2005 como alcalde, baixo as siglas do BNG. Nas eleccións municipais do 2011 foi o rexedor máis votado de Galicia e goberna sen oposición.

“O mérito é dos veciños, que son os que che quitan e dan razóns. A nós iso obrigounos aínda máis nesta lexislatura, é máis complicado, xa que non tes unha oposición que che poda comentar cousas ou que che permita estar máis atento a plantexamentos de obras e infraestruturas”, comenta. A finais do 2012, xunto co seu equipo na Corporación, deixaba o BNG para sumarse ao proxecto de Compromiso por Galicia (CxG). Ao facelo, renunciaba ao cargo de deputado provincial e de voceiro do Bloque na Deputación de Ourense.

Defínese como “moi municipalista” e considera unha regresión a nova Lei da Administración Local. Na súa xestión ten apostado polos servizos sociais, polo desenvolvemento dun polígono industrial (cuns 225.000 m2 e 23 empresas) e pola rehabilitación urbanística de Vilar de Santos, entre outras cuestións. Sen deixar iso de lado, leva meses analizando o principal gasto corrente dun concello: o enerxético. Os números non cadraban e, tras investigar, o Concello descubría que a facturación do alumeado público dos últimos cinco anos non estaba ben. Ante isto acordaba, con data 10 de decembro de 2013, reclamarlle á compañía subministradora a devolución de “58.202,57 euros por enerxía reactiva indebidamente facturada no período 2008-2013”. A reclamación presentábaa ante o Instituto Galego de Consumo e ante Gas Natural.

¿Como valora a xestión do seu equipo de goberno en Vilar de Santos?
Ten sido moi transparente e absolutamente participativa e isto tradúcese nunha traxectoria municipal. Contamos cun nivel de servizos moi elevado e de excelente calidade e, coa que está caendo, non temos ningún tipo de débeda, nin ningún plan de axuste. Pola contra, seguimos mantendo eses servizos que eu considero públicos e esenciais e ademais intentamos melloralos.

Hai uns días facía público que a Vilar de Santos se lle tiña facturado indebidamente polo alumeado público, ¿como detectaron o problema? ¿cal é a situación agora?

Nós temos os pagos ao día con Gas Natural, non lle debemos un céntimo. E víamos que, a pesar de recurrir a todo tipo de medidas de aforro enerxético, había facturas dispares duns meses a outros, cando foi a famosa estimación. As cousas non encaixaban e empezamos a asesorarnos. Démoslle miles de voltas ao famoso Real Decreto das tarificacións eléctricas, empezamos a investigar e decatámonos de que había un problema. Procedemos a revisar toda a facturación dos últimos cinco anos, que é o que nos permite reclamar a lei, e o resultado que nos dá é que a este Concello facturáronlle de máis, por empregar palabras suaves, 58.202,57 euros. Iso é que o que lle reclamamos a Gas Natural directamente, xa que teñen o noso expediente dende o mes de decembro, e tamén llo reclamamos diante do Servizo de Consumo da Xunta. Neste proceso hai dous papeis demoledores para a compañía.

Nun deles a Oficina de Garantía de Gas Natural ponse en contacto o 24 de decembro do 2013 con Consumo para comunicarlle que “se revisou a facturación emitida para os suministros do Concello de Vilar de Santos” e que se “procedeu a suspender a facturación de enerxía reactiva para adecuala á normativa vixente”. Tamén di que a compañía “procederá á devolución dos importes indebidamente cobrados e realizará a conseguinte comunicación ao Concello”. E hai un segundo documento de enorme relevancia que é que, a instancias nosas e co número referenciado do noso expediente, o pasado 11 de marzo iniciouse o expediente sancionador “de referencia contra Gas Natural por detectarse irregularidades en materia de consumo”. Nós ímonos a personar nese expediente sancionador.

Consideramos que probablemente sexa un expediente sancionador de tipo grave ou moi grave, porque falamos de dereitos fundamentais como consumidores e o Concello é un consumidor. O 17 de marzo demos a rolda de prensa [convocada na cidade de Ourense por Compromiso por Galicia] para facer isto público e, unhas seis horas despois, Gas Natural emitía un comunicado ao que accedín a través dos medios, no que din que devolverán o mal facturado o último ano. Eu non teño nada contra Fenosa, esta compañía o que ten que facer sinxelamente é devolverlle os 58.202 euros a Vilar de Santos, e este Concello, unha vez que isto estea feito, resérvase tamén os dereitos e as medidas que imos iniciar. Polo de agora estamos no ámbito da arbitraxe e, se chegamos a un acordo, sen ningún problema; pero senón é así, tomaremos outras medidas e iremos onde nos dean a razón, porque para min este é un dereito fundamental que teño que preservar, primeiro a nivel de Concello. Nós traballamos con orzamentos moi reais e 11.000 euros ao ano supoñen o 8% do noso orzamento, que son 750.000 euros para o 2014. Por outra banda, nós xa lle pedimos a Consumo que faga unha investigación a nivel de particulares deste municipio e de empresas. Xa temos localizado o caso dun particular que imos comprobar.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil do mes de abril).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button