Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

“A nosa mellor carta de presentación son respostas reais a problemas reais”

Noa Presas, cabeza de lista ao Congreso do BNG por Ourense nas elección do 26 de xuño, resume as principais liñas programáticas da súa formación política
Noa Presas, cabeza de lista polo BNG ao Congreso por Ourense, na súa visita a Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
Noa Presas, cabeza de lista polo BNG ao Congreso por Ourense, na súa visita a Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Noa Presas convertíase na mañá do 3 de xuño na primeira candidata por Ourense nas vindeiras eleccións xerais en viaxar ata a comarca de Valdeorras nesta precampaña. A cabeza de lista ao Congreso polo BNG comezaba a súa visita reuníndose coa xunta de persoal do Hospital Comarcal Valdeorras no Barco. “Vimos de coñecer de primeira man os problemas deste centro. A xunta de persoal comentábame que este hospital ten cada vez menos servizos, que están sufrindo unha sobrecarga na cuestión da xeriatría ou que se as ambulancias teñen que desprazarse ata Ourense para levar un paciente para facer unhas probas que aquí non hai, está ocupando o tempo niso e non pode facer o desprazamento ao resto da comarca”. Presas enmarcaba isto nun contexto de “privatización da sanidade, que non é algo pasaxeiro, senón que se trata dunha estratexia política”.

De seguido, a candidata nacionalista dirixíase ás aldeas barquenses do Meiral e Fervenza, acompañada por outros membros da candidatura, onde explicaba as propostas do programa electoral do BNG sobre o medio rural e os sectores agrario, gandeiro e forestal galegos.

¿Con que expectativas afronta o BNG-Nós Candidatura Galega estas eleccións ao Congreso e ao Senado?

Enfocámolo como unha segunda oportunidade pero non para nós, senón para o país, porque entendemos que unha forza como a nosa, sen ningún tipo de dependencia, é necesaria. Entón afrontámolo con todo o optimismo do mundo, nós somos un pobo castigado, e Ourense nomeadamente pola emigración, e sempre levantamos cabeza, pois no caso da nosa organización política, igual, nós entendemos que este proxecto é necesario e garantiremos, pase o que pase, unha papeleta nacionalista nestas eleccións. E sexa como sexa, nós seguiremos traballando por propostas reais.

Nas candidaturas por Ourense hai unha serie de cambios con respecto aos anteriores comicios, ¿como as define?

Nesta provincia decidimos apostar por aumentar a presenza de compañeiras/os vinculados á actividade municipal porque entendemos que é a nosa mellor garantía. Durante os case seis meses dende as anteriores eleccións o que vimos os galegos/as foi unha perda de tempo en Madrid, un paripé electoral entre catro partidos. Ao lado diso a nosa mellor carta de presentación son respostas reais a problemas reais, por exemplo o noso número 2 é o tenente de alcalde de Verín, onde só neste medio ano conseguiron sacar adiante o proxecto do centro de día que está licitado, orzamentado, e é unha resposta moi real para unha sociedade moi envellecida, de Verín. E, ¡qué vou dicir de Paco García, alcalde de Allariz, que é o número catro! Ninguén pode dubidar de que Allariz é unha referencia a nivel estatal. Despois hai bastante renovación, xente que non ocupara ningún cargo público do BNG, como é o meu caso ou o de Dani Calvo, un rapaz moi novo, que empezou este ano a universidade, que está activo na mocidade de Valdeorras.

¿Que medidas plantexa o BNG de cara a afrontar o problema de envellecemento e e abandono que existe no rural e, en especial en provincias como a de Ourense?

Hai seis comarcas da provincia que están entre as dez máis avellentadas de Galiza, entón vemos ese problema demográfico, tanto en perda de poboación nova, en baixada de nacementos e emigración de xente. Para iso sería clave revitalizar o medio rural e ter postos de traballo dignos aquí, de aí cuestións concretas que reclamamos nós como son rematar coa discriminación que sofren os gandeiros galegos ao respecto do apoio estatal. Para iso propoñemos garantir que haxa sempre presenza galega nas negociacións a nivel europeo que afecten ao sector primario, pero xa non só deputados/as do país senón de xente dos sectores estratéxicos dependendo de cal sexa o afectado, representación sindical e demais. Outra cuestión que demandamos é a derrogación da Lei de Montes, que está pensada baixo un prisma moi estatalista, alleo totalmente á realidade galega. Reclamamos que se faga un proceso de participación, onde tanto organizacións ecoloxistas, como persoal de extinción, xente vinculada ás explotacións agrarias e demais, deseñen colectivamente, con axuda profesional, un plan forestal adaptado ao país.

Dentro do ámbito agrario está a vitinicultura, sendo Ourense unha provincia que conta con catro denominacións de orixe…

Nós entendemos que é un sector que hai que priorizar. Hai que apostar por el, polo recoñecemento dos produtos de calidade e por garantir un marco de protección. O tema este do TTIP, do tratado de libre comercio, é algo que pon en cuestión aspectos como a especificidade das variedades de uva, o recoñecemento das zonas de produción e demais. Igual que se denuncia que vai poder haber un queixo de Arzúa feito en Guatemala, pois obviamente non pode pasar o mesmo co viño, hai que garantir a orixe e a calidade. Nós entendemos que é un sector estratéxico que ademais ten moitos outros sectores asociados, xa non é só o viño que elabores, senón un turismo de calidade respectuoso co medio ambiente.E entendemos que todo iso debería ademais xestionarse dende o marco galego.

 

Noa Presas enfoca estas segundas eleccións xerais como "unha oportunidade para o país porque entendemos que unha forza como a nosa, sen ningún tipo de dependencia, é necesaria"./ Foto: Carlos G. Hervella.
Noa Presas enfoca estas segundas eleccións xerais como “unha oportunidade para o país porque entendemos que unha forza como a nosa, sen ningún tipo de dependencia, é necesaria”./ Foto: Carlos G. Hervella.

Outro sector de relevancia para a provincia e para Galicia é o da lousa, ¿como cre que se debería mellorar?

Para empezar consideramos que o ámbito de decisión ten que ser o galego. É un sector complicado porque xa hai un impacto ambiental considerable, entón habería que investir en investigación para ver se hai algunha forma de paliar o impacto ou de revertir un pouco iso. E despois hai cuestións colaterais que se deben reconsiderar: ¿cales son as condicións de traballo nas pizarreiras? ¿cales son as consecuencias de saúde? ¿que límites están sendo impostos no recoñecemento das enfermidades laborais? Todo iso tamén hai que avalialo, porque o que non pode ser é que a comarca sexa unha mina puntual, que haxa ese traballo durante un tempo e que logo que non exista un retorno para garantir cal é a calidade de vida desas persoas e cómo se vai costear esa sanidade ou demais. Ou cuestións tan elementais como que por exemplo en Valdeorras non hai un estudo histórico, de cál foi a evolución do sector. Habería que facer un plan un pouco máis integral, unha vez que está este impacto feito, hai este número de traballos que hai que conservar e que teñen que ser unha prioridade, pois con investimentos podería buscarse algunha saída para ir mellorando as condicións dos traballadores e paliando o impacto ambiental.

¿Cal é a postura do BNG con respecto á autovía A-76 (Ponferrada-Ourense), unha vella reivindicación de Valdeorras?

Entedemos que esta A-76 que se está plantexando non é o modelo. Este trazado ten problemas de impacto ambiental cara cuestións que hai que conservar, pero si entendemos que é necesaria outra A-76, no sentido de que non ten ningún tipo de razonamento que Valdeorras estea máis conectada con Ponferrada e con León que con Ourense e co resto da provincia. Polo tanto, é necesario algún tipo de investimento, o deseño dunha autovía, pero hai outra maneira de facelo. Coma sempre, ¿que pasa? que non hai vontade política, que non importa desfacer o monte galego, non importan os canóns do Sil, non importa ningún tipo de cuestión ambiental se toca a Galiza. E non importa tampouco retrasar os investimentos, porque isto é unha reivindicación histórica. Valdeorras é un importante núcleo de poboación, que xa tivo máis peso demográfico do que ten, e non pode ser que durante anos e anos, e décadas e décadas no haxa un investimento para mellorar a comunicación.

 

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button