ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

Nova campaña de escavacións no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín)

Nesta actuación arqueolóxica, apoiada polo Concello, intervirase en diferentes sectores e contarase coa participación de estudantes

Carlos Tejerizo, director do proxecto de escavación de Sputnik Labrego no Castro de Valencia de Sil (Vilamartín de Valdeorras)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Volven as escavacións ao Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Do 1 ata o venres 18 de setembro o equipo de Sputnik Labrego retomará cunha nova campaña o traballo arqueolóxico iniciado o pasado outono na zona. O lugar no que interviñan foi interpretado como un espazo produtivo de forxa de ferro datado entre os séculos IV-V d.C.

Nesta nova campaña actuarán en diferentes sectores do xacemento para dar reposta a distintas cuestións: “Existiu unha ocupación anterior á época tardorromana no xacemento? O que interpretamos como unha forxa de ferro é un edificio illado ou forma parte de todo o barrio dedicado á produción de metais? Estas son algunhas das preguntas que esperamos resolver neste ano, e que permitirán poñer en valor con datos científicos un xacemento que xa sabemos que é único”, adianta Carlos Tejerizo, director da intervención.

Contando con cinco estudantes

A escavación está apoiada polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, que pretende converter este xacemento nun referente científico e patrimonial da comarca. Ademais, este ano o sitio converterase no centro de realización das prácticas do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, impartido en Santiago de Compostela, entidade coa que o concello firmou un convenio.

Cinco estudantes do devandito máster desprazaranse a Valdeorras para a campaña de escavación, onde poderán aprender non só técnicas arqueolóxicas de primeira man senón coñecer a contorna patrimonial da comarca. “Queremos que Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras e a propia comarca sexan referentes de xestión arqueolóxica de Galicia. Para iso é importante que a xente nova que estea aprendendo arqueoloxía poida desfrutar deste xacemento e da súa contorna”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora do proxecto.

Ao longo da campaña poderase visitar o sitio e ver os traballos de escavación no horario de dez da mañá ás cinco da tarde.

Artigos relacionados

Back to top button