ConcellosCulturaCulturaEducaciónÚltima horaVilamartín

Nova campaña de escavacións no xacemento tardorromano de Valencia do Sil (Vilamartín)

Desenvolverase do 3 ao 21 de maio, con visitas diarias, e contará cun grupo de estudantes do máster de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade

Escavacións en Valencia do Sil en setembro do pasado ano./ Foto: Alba Prada.

 

Volven as escavacións arqueolóxicas ao xacemento vilamartinés de tardorromano de Valencia do Sil. Será a partir do 3 de maio. Como en anteriores anos, esta campaña estará coordinada pola asociación científica Sputnik Labrego e, de novo, contará coa presenza dun nutrido grupo de estudantes do Máster Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade.

Durante tres semanas, este grupo realizará as prácticas de formación no xacemento, que incluirán non só o traballo arqueolóxico, senón tamén a visita a distintos enclaves da comarca de Valdeorras. “En realidade, Valencia do Sil xa foi unha escola de arqueoloxía no pasado, cando o grupo dos Escarbadores formou toda unha xeración de arqueólogos durante os anos 60 e 70. Rescatamos esa tradición para consolidar este sitio arqueolóxico e a comarca de Valdeorras como unha escola de arqueoloxía na actualidade”, di Carlos Tejerizo, director das escavacións.

Esta campaña, financiada polo concello de Vilamartín de Valdeorras e o grupo de investigación SÍNCRISIS (Universidade de Santiago de Compostela) estenderase ata o día 21 de Maio, co obxectivo de ampliar os espazos intervidos en anos anteriores. “Comezamos a ter unha idea bastante precisa do sitio de Valencia do Sil, mais aínda quedan moitas preguntas ás que queremos dar resposta nesta campaña”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora da intervención, “o ano pasado detectamos unha fase anterior á grande ocupación do século cuarto que queremos explorar con máis detalle nesta campaña. Ademais, tentaremos determinar se existen estruturas arqueolóxicas en espazos aínda non explorados do xacemento”.

O mesmo que o ano pasado, levarase unha proposta de “aberto por escavación”, de xeito que o xacemento poderá ser visitado durante os traballos arqueolóxicos e recibir unha explicación por parte do equipo. Estas visitas terán lugar entre as 10:00 e as 17:00 de luns a venres durante os días que dure a campaña.

Artigos relacionados

Back to top button