OurenseÚltima hora

Nova campaña no xacemento romano de Aquis Querquennis

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de asinar un convenio de colaboración coa Fundación Aquae Querquennae Via Nova para esta intervención por valor de 20.000 euros

 

Campamento romano de Aquis Querquennis en Bande./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Continúa a actividade arqueolóxica no campamento romano de Aquis Querquennis, situado no encoro das Conchas (Bande) e vinculado á Via XVIII. A partires do 12 de setembro comezará unha fase de consolidación das escavacións arqueolóxicas realizadas nos tres últimos anos. Nelas saían á luz parte de dous barracóns de tropa, as letrinas e unha parte da muralla no ángulo sur occidental.

Para tal actuación vén de asinarse un convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e Aquae Querquennae, fundación que xestiona o citado xacemento.

O convenio, cunha aportación de 20.000 euros, ten sido rubricado o 8 de setembro polo presidente da confederación, Francisco Marín, e polo presidente do patronato da fundación, Luis Fernando Quiroga. Esta subvención contribuirá á campaña de escavación neste campamento no exercicio do 2017. No acto tamén estaba presente o vicepresidente da fundación, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero.

Esta intervención para consolidar os restos arqueolóxicos prolongarase cando menos dous meses, segundo informa o arqueólogo Santiago Ferrer, membro do equipo.

 

Sinatura do convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Fundación Aquae Querquennae.

Artigos relacionados

Back to top button