EconomíaEconomíaÚltima hora

Nova concentración en defensa do sistema público de pensións no Barco

Terá lugar o mércores 16 de maio ás 12h. na praza do Concello. A esa mesma hora farase outra concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense

Imaxe dun dos actos revindicativos en defensa do sistema público de pensións celebrados no Barco./ Foto: A.R.

O vindeiro mércores, día 16 de maio, ás 12:00h. CCOO e UGT convocan unha nova “mobilización unitaria en defensa do sistema público de pensións, pola derogación na súa totalidade da reforma de 2013 e para denunciar a enganosa revalorización das pensións acordada interesada e partidistamente entre o Goberno Estatal do Partido Popular (PP) co Partido Nacionalista Vasco (PNV) para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado”, segundo os convocantes.

Así na provincia de Ourense terá lugar ás 12h. unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense e outra na praza do Concello do Barco de Valdeorras, tamén a esa mesma hora. Neste segundo caso, o acto está convocado polo Colectivo de Pensionistas e Xubilados de Valdeorras xunto con CCOO.

As organizacións convocantes destas concentracións aseguran que “a revalorización acordada é insuficinte porque só garante a súa vixencia para as anualidades de 2018 e 2019 cando, ao mesmo tempo, segue en pé, e en vigor, a reforma unilateral do PP, lexislada en 2013 -tanto no que respecta ao Índice de Revalorización de Pensións como no Factor de Sostibilidade-, que supuxo a ruptura unilateral do Pacto de Estado sobre as pensións, motivo polo que, CCOO e UGT xunto con outras moitas organizacións sociais, esiximos que a reforma unilateral imposta polo PP debe ser derogada na súa totalidade”.

UGT e CCOO insisten en que “o sistema público de pensións é viable no futuro mediante un financiamento sostible e suficiente aplicando políticas equitativas de redistribución da riqueza, activando un sistema impositivo progresivo e asegurando condicións de traballo dignas e de calidade en cada centro de traballo”. E fan un chamamento á “cidadanía en xeral e, especialmente á xuventude e aos pensionistas e xubilados da provincia, para que participen masivamente en defensa de un dereito constitucional que nos pertenece a todas e todos por dereito e por xustiza”.

Artigos relacionados

Back to top button