DeportesÚltima hora

Nova convocatoria para Carolina Camino, desta volta coa selección española de voleibol sub17 para o Torneo Internacional WEVZA

A xogadora quiroguesa do CV Ribeira Sacra estará na concentración e no campionato que se celebrarán en agosto
A xogadora de voleibol Carolina Camino Fernández.

Carolina Camino Fernández, natural de Quiroga (Lugo) con ascendencia en terras do Bolo (criouse en Lentellais), iniciouse no mundo do voleibol da man de Antonio García no colexio Manuel Respino da Rúa onde xogou ata que se desprazou á localidade lucense onde fichou polo CV Ribeira Sacra, o club que tantas alegrías lles está dando á afección.

Anos despois deses inicios, con apenas 15 anos, a evolución desta xove deportista de algo máis de 1,80m. de estatura e cualidades innatas, foi en constante ascenso e hoxe dá un paso máis, ao ser unha das seleccionadas pola Federación Española de Voleibol para a concentración sub17 en Soria e posterior Torneo Internacional WEVZA que se disputará en Holanda a finais do mes de agosto no que ademais da selección española, participarán as de Francia, Bélxica, Italia, Portugal, Alemania, Suiza e Holanda.

O CVRibeira Sacra sempre foi un viveiro de xogadoras nacionais e esta nova enche de ledicia a todo o equipo. No pasado Nadal foi Nerea González Fontal e agora Carolina Camino quen xa pasou pola selección galega en pista e praia e xogou o campionato de España de clubs.

A concentración en Soria será do 5 (ás 20h.) ao 14 de agosto na Residencia Universitaria Duques e o torneo disputarase do 14 ao 19.

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button