CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Nova edición do concurso “Interritmos: Sons do Rural”

regresa cun circuíto musical ao vivo de grupos e bandas de diferentes estilos musicais, con base na música tradicional e de raíz galega

Imaxe de inicio da páxina web do concurso Interritmos.

 

Promover a cultura como motor de desenvolvemento territorial, así como dar visibilidade e potenciar a profesionalización de grupos e bandas que apostan pola evolución da música tradicional e de raíz. É o obxectivo o que bota a andar unha nova edición do concurso de música tradicional e de raíz “Interritmos: Sons do Rural”.

Desta volta será promovido por 3 Grupos de Desenvolvemento Rural: a Asociación de Desarrollo Local DELOA, promotora das anteriores edicións, o GDR Salnés-Ulla-Umia e o GDR Ribeira Sacra-Courel.
As tres entidades asinaron un convenio de colaboración para traballar en rede neste concurso, proxecto enmarcado dentro da Medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, que busca a potenciación do patrimonio musical galego.

O Concurso está destinado a músicos/as, grupos e/ou bandas instrumentais e/ou vocais, de ata un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que beban da música de raíz.

Para o desenvolvemento de Interritmos primeiro terá lugar un concurso de maquetas en liña. De entre todos/as os/as participantes, un xurado profesional seleccionará seis finalistas que participarán nun encontro musical o 25 de setembro no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove. Nesta cita, a través dunha actuación en directo, serán seleccionados dous grupos/artistas gañadores, que realizarán un circuíto musical ao vivo nos territorios implicados.

O prazo para a presentación de maquetas está aberto desde o 25 de agosto ata o 13 de setembro de 2021, ás 14.00 horas, a través do seguinte enlace: https://interritmos.deloa.es

Outra novidade nesta edición do Interritmos 2021 é a celebración de coloquios e charlas que tratarán de distintos aspectos da evolución da industria cultural e da música tradicional, que contarán con figuras de relevancia no sector musical tradicional, así como coa presenza de profesionais dos medios de comunicación no eido da música.

Estas actividades, xunto coa actuación musical dos gañadores do concurso chegará á Ribeira Sacra-Courel os vindeiros 8 e 9 de outubro.

Tanto as bases do concurso, como o programa completo de Interritmos están publicados na web https://interritmos.deloa.es e nas redes sociais de Asociación Deloa, GDR Salnés-Ulla-Umia e GDR Ribeira Sacra-Courel.

Artigos relacionados

Back to top button