Na mañá deste luns 4 de xaneiro, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, fixo entrega de 82.000 mascarillas destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, no que supón o sexto dispositivo de distribución deste material sanitario que leva a cabo o Goberno de España. O obxectivo é a atención a colectivos de poboación vulnerable e ao persoal de servizos esenciais das entidades locais. Emilio González remarcou que “as máscaras son un elemento fundamental para coidar da nosa saúde e da do resto das persoas”, polo que lembrou a necesidade de “non baixar a garda, facer un uso correcto deste elemento de protección e respectar as normas dispostas polas autoridades sanitarias”.
O subdelegado do Goberno mantivo un encontro coa directora de Cáritas Ourense, María Tabarés; co presidente de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro; e coa coordinadora de COGAMI, Mónica Limia, aos que lles fixo entrega dun total de 34.000 mascarillas cirúrxicas para que as empreguen o seu persoal, os seus usuarios e as entidades que forman parte do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI).
Así mesmo, Emilio González supervisou o dispositivo e entregou ao concelleiro Telmo Ucha un lote de 16.500 unidades correspondentes ao Concello de Ourense. As restantes 31.500 foron entregadas ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Férnandez, posto que esta institución é a encargada do operativo de distribución entre os concellos da provincia con poboación inferior a 20.000 habitantes, segundo o acordo acadado entre o Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).