ConcellosEn portadaÚltima hora

Nova escavación no castro Valencia do Sil (Vilamartín) para afondar na época romana e sueva en Valdeorras

Terá lugar entre o 26 e 31 de outubro e incluirá visitas aos traballos arqueolóxicos

Intervención arqueolóxica no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín) no verán, dirixida por Santiago Ferrer./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Medio século despois de que o grupo de Os Escarbadores escavase o Castro de Valencia do Sil (Vilamartín), neste verán volvían as intervencións arqueolóxicas a este asentamento valdeorrés da man do arqueólogo vilamartinés, Santiago Ferrer. Agora, un par de meses despois, este poboado será novamente obxecto de traballos arqueolóxicos por parte do equipo de Sputnik Labrego.

Este grupo de investigadores ten previsto facer unha escavación do 26 e 31 de outubro no marco do traballo que está a realizar sobre a desaparición do Imperio romano en Valdeorras e inicio da época sueva. “O xacemento de Valencia do Sil é un caso excepcional polo estado de conservación das estruturas. O noso obxectivo é entender o papel que xogaron este tipo de xacementos nun período relativamente descoñecido da historia do noroeste peninsular”, afirma Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Concretamente, a intervención centrarase en escavar unha posible vivenda que foi parcialmente escavada durante os anos 70: “a nosa intención é resolver algunhas cuestións concretas da secuencia do xacemento mediante a collida de mostras para levar a cabo probas de carbono 14, da mesma maneira que poder analizar o tipo de estruturas domésticas deste período e a posible funcionalidade da vivenda”, di Celtia Rodríguez, co-directora da intervención.

 

 

No decurso desta campaña tamén se contará cun Voo dron para documentar con exactitude a contorna, e facer unha prospección intensiva para detectar todas as posibles zonas con potencialidade arqueolóxica. “A idea é facer unha pequena intervención durante esta campaña, con obxectivos claros e delimitados, para expor un plan director de futuras intervencións e para facer unha posta en valor dun sitio único”, continúa Celtia Rodríguez.

No decurso desta intervención arqueolóxica, o equipo de traballo levará a cabo visitas guiadas tanto á escavación como ao xacemento. Todo iso en colaboración co arqueólogo Santiago Ferrer e de José Fernández Pérez, veciño de Vilamartín de Valdeorras. Esta intervención conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras e o Instituto de Estudios Valdeorreses, á vez está financiada polo Instituto de Ciencias del Patrimonio e a Universidade de Santiago de Compostela.

Artigos relacionados

Back to top button