PolíticaÚltima hora

Nova etapa no grupo parlamentario do PSdeG con Luis Álvarez como portavoz

O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, co novo voceiro parlamentario do partido, Luis Álvarez.

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, encetaba hoxe a nova etapa no grupo parlamentario socialista coa “obsesión única de facer política con altura de miras, propositiva” e asumindo a “obriga de ser un instrumento útil á cidadanía”. Así o dixo logo de participar na primeira reunión deste grupo tras a designación do lucense Luis Álvarez como novo portavoz parlamentario pola Executiva do PSdeG este sábado.

O líder dos socialistas de Galicia emprazou a “vir de casa cos deberes feitos para dedicar o cen por cen do noso tempo a construír un proxecto socialdemócrata para Galicia” e que o grupo parlamentario funcione como “correa de transmisión coa dirección do partido e as inquedanzas da cidadanía galega”. Formoso tamén asegurou que “tódolos compañeiros e compañeiras do Grupo Parlamentario terán unha función importante” no novo reparto de tarefas.

Valentín González Formoso sinalou que o novo tempo comezará xa dende a primeira sesión de control ao presidente da Xunta sobre a “polémica artificial” do reparto de 9 millóns de euros do Estado. Lamentou neste sentido que “o presidente da Xunta teña escollido facerlle seguidismo á política de confrontación da presidenta de Madrid sobre a xestión dos fondos procedentes do FSE para uns proxectos piloto en materia de reequilibro e equidade cando o ano pasado recibiu 216 millóns de euros polo mesmo concepto”.

O novo voceiro do grupo parlamentario

Luis Álvarez comezou a súa intervención agradecendo a confianza de González Formoso e a da dirección do partido para nomealo como novo portavoz parlamentario, unha tarefa que asume co obxectivo de “mellorar a vida dos galegos e das galegas”. Para iso, dixo, resulta fundamental un grupo parlamentario “perfectamente engraxado e coordinado co partido”, e confirmou a “lealdade, traballo e dedicación de tódolos parlamentarios e parlamentarias”.

Subliñou que “o importante será que iniciativa traslada o grupo parlamentario socialista, e non que persoa é a que a traslada, un grupo no que o importante é o que facemos e non quen o facemos”. A nova dirección do grupo parlamentario, sinalaron, aumentará ata os 7 integrantes, e as novas áreas de traballo de cada deputado e deputada serán fixada nunha futura xuntanza.

Artigos relacionados

Back to top button