CulturaCulturaÚltima hora

Nova intervención arqueolóxica no xacemento galaico-romano de Santa Lucía (Castrelo de Miño)

Comezará o 31 de xaneiro e o seu obxectivo é realizar unha sondaxe no seu aterrazamento principal e facer o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro

Xacemento galaico-romano de Santa Lucía (Castrelo de Miño)./ Foto: A.R.

O poboado galaico romano da Santa Lucía de Freás, na parroquia de Astariz (Castrelo de Miño), garda aínda moitos segredos. Para afondar no seu coñecemento o vindeiro 31 de xaneiro iniciarase unha nova campaña arqueolóxica, a terceira que se realiza no xacemento, co fin de realizar unha sondaxe no seu aterrazamento principal e facer o rexistro fotogramétrico de varios sectores do castro.

Esta intervención era presentada na mañá do 16 de xaneiro no Concello de Castrelo de Miño polo seu alcalde, Esteban Suárez, e por Fermín Pérez, director do proxecto, un dos investigadores principais do GEAAT e profesor na Facultade de Historia do campus de Ourense.

O financiamento desta actuación arqueolóxica corre a cargo deste concello ourensán a través dun contrato de I+D por valor de 3000 euros máis IVE e da Universidade de Vigo, que achega 2612 euros máis IVE a través dos fondos de investigación asignados e dispoñibles polo grupo GEAAT para este fin.

Segundo se explicou na presentación, no proxecto participan, ademais de Fermín Pérez, Jessica Silvares, arqueóloga do GEAAT e directora da intervención arqueolóxica, e oito estudantes de grao e mestrado da Facultade de Historia do campus de Ourense. O proxecto iniciarase cos traballos de campo que se realizarán no xacemento desde o 31 de xaneiro ata o 4 de abril e terá como obxectivo dar continuidade ás campañas desenvolvidas no xacemento en 2016 e 2017 polo propio GEAAT.

A intervención de campo, segundo os seus responsables, consistirá na realización dunha sondaxe arqueolóxica centrada exclusivamente no sector dous do castro, na plataforma da croa ao carón do penedo de Santa Lucía, xa que é “a que amosa unha maior potencialidade científica, histórica e patrimonial de todo o xacemento”.

 

Fermín Pérez, director do proxecto, e Esteban Suárez, alcalde de Castrelo de MIño, na presentación da nova campaña./ Foto cedida.

 

O segundo grande eixo de acción desta campaña será “documentar e rexistrar fotogrametricamente tanto a nova área escavada do xacemento como outras áreas do xacemento, especialmente os sectores 6 e 7, que teñen visibles unha gran cantidade de estruturas rupestres”.

Este castro galaico-romano localízase no monte de Santa Lucía, amosando “unha morfoloxía oblonga moi alongada e unha extensión media de 2’75 hectáreas”. Boa parte da superficie, detallan, “está ocupada por grandes batolitos graníticos (especialmente na croa, onde destaca o inmenso penedo de Santa Lucía), afloramentos pétreos que, amais de xerar covas e abrigos normalmente axudan a conformar e delimitar algúns aterrazamentos ou recintos internos”.

“Esta será a terceira intervención que se vai facer no asentamento. Nas anteriores actuacións (2017 e 2018) excabáronse 120 metros cadrados, e nesta ocasión vanse sumar 91 metros cadrados máis”, segundo se informa dende o Concello de Castrelo de Miño.

Haberá ademais “4 xornadas de visitas guiadas ao xacemento os sábados dende o 18 de abril ao 30 de maio. Preténdese dar difusión e rendemento sociocultural, especialmente a nivel local, mediante unha política de aberto por obras, onde cada sábado a partir das 12h haberá visitas guiadas cos propios técnicos da excavación”, segundo o alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez.

 

Artigos relacionados

Back to top button