ConcellosÚltima hora

A nova ITV do Carballiño prevé atender a 5.000 vehículos no seu primeiro exercizo

Hoxe colocouse a primeira pedra no solar do polígono da Uceira. Esta estación será a segunda de Galicia en incorporar tecnoloxía modular na súa estrutura

Os pasos para a nova estación da ITV do Carballiño van cada vez máis veloces. Hoxe, 3 de marzo, colocouse a primeira pedra no solar do polígono industrial de Uceira, lugar onde estará ubicada devandita instalación. O proxecto, segundo informou a delegada da Xunta en Ourense, Marsol Díaz, “custará arredor dun millón de euros”.

Esta nova estación prevé iniciar a súa actividade a finais de ano e está previsto que no seu primeiro exercizo, segundo fontes da Xunta, atenda arredor de 5.000 vehículos. Unha cifra que se ampliará, din dende o Goberno galego, a 14.000 inspeccións anuais no ano 2020.

Por outra banda, esta estación para a inspección de vehículos sumarase ás 26 fixas que hai en Galicia, e será a segunda da comunidade en incorporar a tecnoloxía modular, levada a cabo pola empresa concesionaria en colaboración coa Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña. Esta tecnoloxía modular, explicaron o arquitecto do proxecto, Manuel Amor, e o docente do grupo de estruturas arquitectónicas da Universidade da Coruña, Félix Suárez; permitirá aumentar a infraestrutura se a demanda o require, ademais de acurtar os prazos de execución.

Na súa intervención, a delegada da Xunta en Ourense, sinalou que a apertura deste servizo no Carballiño “tan demandado”, apuntou, vai facilitar aos cidadáns da comarca que teñan a inspección de vehículos máis preto e acurtará os tempos de agarda. Pola súa banda, o alcalde da vila, Francisco Fumega, salientou a importancia que a ITV do Carballiño vai ter “á hora do desenvolvemento e fixación de poboación do municipio”. O rexedor municipal asegurou que esta instalación “incorpora I+D e dende o Carballiño cremos que isto é clave para a recuperación económica, a creación de emprego e atrae posibilidades de crecemento”. Fumega non quixo rematar o seu discurso sen dicir que esta nova estación “dinamizará o sector dos talleres mecánicos e, por suposto, a este polígono industrial, creando novos postos de traballo e xerando un movemento moi importante de persoas entre os núcleos de poboación, o que fixará ao Carballiño como cabeceira comarcal e illa de servizos”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button